PRIMEIRA COMUÑÓN

Coas mans como atreladas
polas cincuenta doas dun rosario,
esta nena
quere apreixar perena os olores de Deus
que escaparán dos días
como se esgota o aroma dos tépalos de rosa
durmidos entre as sabas dalgún libro.

Na retocada imaxe
quedan adormiñados
os múltiples recantos dun xardín que esta nena
plantara sen sabelo
para se emborrachar cada tardiña cos olores de Deus
saídos das mil bocas dun philadelphus,
pendurados dos acios da parra da glicinia
e escondidos nos badais das campás
das varas da azucena.

Os aromas fuxidos polos poros de Deus
agóchanse nas flores máis efémeras
denantes de pasaren, xa profanos,
ás follas dos loureiros,
ás pónlas do romeu e da alfábega
para acabaren logo nas caixiñas da infancia
ergueitos como as mans, como os cipreses
do fondo da memoria.

De “Álbum de fotos” (1999)

Advertisements