PISA CON GARBO

SARA MONTIEL EN "EL ÚLTIMO CUPLÉ". Fonte Internet

SARA MONTIEL EN "EL ÚLTIMO CUPLÉ". Fonte Internet

Na miña segunda escola, parroquia de Quintá de Cancelada, tiven coñecemento da existencia de Trabado da Cortella, un herborista curandeiro ao que fun visitar unha tarde de xuño por curiosidade insá. Ensinoume os seus saquetos de materia prima e deume unha pequena charla sobre curacións esotéricas. Na miña inmadurez, non souben valorar os saberes daquel home extrafalario e non dei aguantado o tipo sen que me notase que, dalgún xeito, me estaba rindo del.

Daquela cabreouse, empezou a pechar os saquetos, mirou para min enfite e quixo chamarme orgullosa. Para iso desentoou todo canto se pode un pedazo do cuplé “El relicario”, que os transistores sementaran polas aldeas a raíz do éxito de “El último cuplé”, protagonizada por Sara Montiel, e que el aprendera errado, quizabes porque non lle atopara significado ao do “garbo”.

-Pisa morena,

pisa con carbón…

Daquela xa non puiden aguantar a risa e botei fóra correndo.

Hoxe, de paso que lle fago unha pequena homenaxe á artista por me ter ensinado unha das miñas cancións de polas mañás, case un rito, quero facer unha confesión pública de orgullo, darlle a razón a Trabado da Cortella con tantos anos de distancia e lamentar toda esa cantidade de aprendizaxes que non souben recibir del.

Que a terra lles sexa leve a ambos, xa no outro mundo.

Advertisements