ÓBITO DE DÚAS MULLERES

CARTEL DE "LA VIOLETERA"

CARTEL DE "LA VIOLETERA"

Morreron o mesmo día, octoxenarias, e foron singulares con xeitos ben diferentes de o seren. Sara Montiel e Margaret Tatcher abandonaron este mundo o pasado luns. Atrás deixan vidas que a bo seguro non se cruzaron, pero uniunas unha data de abril despois de seren contemporáneas 82 anos. E vou traelas xuntas, e por oposición, a este pequeno obituario.

Sara Montiel foi fermosísima. Lucíu un dos físicos máis atractivos do cine de todos os lugares e de todos os tempos. Segundo contaba, seducíu a grandes galáns da súa época relacionados coa profesión, como Marlon Brando ou James Dean, e tamén homes de ciencias e letras, como Severo Ochoa,  León Felipe ou Hemingway, aínda que é posible que neste apartado puxese máis fantasía, unha característica tamén da súa vida. Non quixo ter amo e non aceptou a decadencia do físico. Cara ao final, nalgúns momentos andou bastante desnortada. A última imaxe que vin dela foi hai uns días na televisión, enfadada poque alguén dicía que ía morrer. Contra tal vaticinio –que infortunadamente se cumpríu axiña- tirou da saia e ensinou as pernas como só ela sabía facelo. E certamente non tiñan relación co que se esperaría ver na súa idade.

Actriz de talento, cantadora de cuplés que volveu poñer de moda cancións de principios de século, sabía usar a voz. “Sara no vendía voz”-di o amigo Javier Villán- ofrecía sexo, sugerencia y susurros”. Nisto adiantouse ao seu tempo. Hoxe tampouco se vende voz. Pero Sara Montiel xa é un mito e abandonou a superficie terrenal cruzando varias rúas de Madrid. Na Gran Vía, ateigada de xente -algunha chorábaa-, os cines proxectaban as películas que a fixeron famosa e o público tarareaba os seus cuplés.

Margaret Thatcher acumulou poder, algo que ás mulleres lles é máis difícil que acumular beleza. Foi unha privilexiada que tivo a oportunidade de dirixir a política dun país europeo forte e desmostrando que se pode gobernar doutro xeito. Pero non foi así, senón que puxo man de ferro en corazón de ferro. Nun goberno feminino está a orixe dos males que sofren hoxe a maioría dos cidadáns da Europa pobre. Aumentou os conflitos cos diversos territorios, foi connivente con ditadores como Pinochet e levou ao seu país á guerra das Malvinas. Polo que se viu, non a chora o seu pobo nin o mundo. Será enterrada con honras militares, pero eu prefiro os cuplés.

Advertisements