VOLVEDE AO PINDO, DEUSES

 


E por se acaso, ¡oh deuses!, esquecestes

ese intempo de brétemas que permitía un oco

para dialogaren oráculo e destino

enigmáticos xogos de palabras,

eis os mortais poetas gabanciosos dos tempos que xa foron

pedíndovos: “Volvede

habitar este Olimpo ao pé do gran Océano

que é de noso a montaña máis sagrada”.

 

Pero non só vos chama o son das nosas liras

e a ansiada voz que deica vós lanzamos,

que se ergue o mar disposto a recibirvos

con grilandas de escuma

baténdose en rochedos que vos agardan sempre

mudos e inconmobibles

como o tempo.

 

Necesitamos ter espazo e mito,

e crer invictos dogmas. A cometa

dos nosos soños quere

sobrevoar miserias

que naceron un día de nós propios.

 

Quizabes se vos vemos

arrastando as cadeas e as antorchas,

quizabes se sabemos que xa sodes

habitantes do monte que xa de vello andastes

superiores ao mundo e á conciencia

donos de inapelables decisións,

poidamos cantar odas

e rexeitar por sempre as elexías.

 

As nosas liras chámanvos

porque teñen as cordas desgastadas

de facer canto triste mirando a humanidade

que  sementa nos sucos da fronte dos ilotas

a ignominia da fame

e que mutila corpos e cidades

con armas programadas por humanos.

 

Cansamos de sentirnos

superiores e onfálicos

da Terra Prometida

a unha elite escolleita,

dona de privilexios e fartura,

por iso vos pedimos: “Volvede aos paradoxos

da irracionalidade máis prístina e telúrica,

volvede darlles rostro a tanta pedra informe

e facédenos crer que sodes vós,

os habitantes do sagrado monte,

quen decide fortunas e destinos”.


Na ría de Arousa, no outono do 2011

 

Advertisements