XXII PREMIOS IRMANDADE DO LIBRO

 

 

Galicia celebra hogano os 150 anos da aparición do libro fundador da nosa literatura contemporánea, Cantares gallegos (1863-2013) de Rosalía. O libro galego botou a andar coas limitacións de estar encrito nunha lingua na que non se escolarizaba a ninguén. E foi sorteando as grandes dificultades da escasez de autores, editores e lectores, e resistindo as adversas situacións políticas que pexaban a súa normalidade ata o recoñecemento oficial do idioma.

Hoxe Galicia ten no seu idioma toda clase de libros, a pesar de diminuír de forma drástica os investimentos os dous últimos anos e de soportar agora un IVE moi alto con relación aos países da contorna. Non andan ben as cousas para o libro, pero a Federación de Libreiros de Galicia afrontou, como fixo en tempos ben mellores, os XXII PREMIOS IRMANDADE DO LIBRO, dos que se fará entrega o próximo sábado en Monforte.

O colectivo dos libreiros creou estes galardóns no ano 1991 para recoñecer e premiar  o traballo de promoción e divulgación do libro, e da lectura en galego que desenvolven persoas, entidades e institucións da sociedade durante o ano anterior ao da convocatoria. Aténdese, polo tanto, aos diversos profesionais que traballan ao redor do libro: creadores, editores e mediadores que o achegan á sociedade desde as propias librerías, os centros do ensino e as distintas iniciativas que fomentan a lectura.

A pesar de non estaren dotados economicamente –agás os que se entregan nas modalidades de Centros de Ensino e Fomento da Lectura, que teñen unha dotación de 2.000 € en libros- son uns dos premios máis celebrados polos receptores e pola sociedade en xeral, como demostra a asistencia aos actos de entrega que se teñen celebrado en todas as nosas cidades e en moitas vilas de Galicia, nos que a sociedade se suma ao recoñecemento e homenaxe a todas as persoas, entidades e institucións que durante o ano rematado desenvolveron unha actividade salientable a prol do libro e da lectura en galego.

O símbolo do premio é unha figura de bronce, exclusiva para este acontecemento, realizada nos talleres de Xoán Piñeiro, en Goián. O autor da idea foi Ismael López Fernández, alumno da Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos “Ramón Falcón”, de Lugo, gañador dun concurso público convocado en toda Galicia pola Federación de Libreiros en 1991.

 

 

Advertisements