VIVAT ACADEMIA

 

Unha das institucións máis sombranceiras da nosa cultura, a RAG, volve á normalidade, entendendo por normalidade que a institución poida funcionar e cumprir o importante papel que lle asigna a sociedade: ocuparse dos asuntos propios do idioma propio.

Ao profesor Xesús Alonso Montero, presidente, acompáñao un equipo no que a presenza de dúas mulleres de prestixio é relevante. É bo non só que as mulleres entren na institución da rúa Tabernas, porque están aí en pé de igualgade cos intelectuais masculinos, senón que ocupen postos de responsabilidade para que a nosa sociedade teña modelos que axuden a normalizar a igualdade. Sen desmerecer a ninguén, creo que entre todos constitúen un equipo integrador de diversas actitudes e sensibilidades, no que incluso se conxuga a presenza do ateo co teólogo confesos, se se me permite esta pequena digresión sobre dous amigos que admiro e respecto pola súa valía, honradez intelectual e traballo insubornable a favor do idioma.

Traballei co profesor Alonso Montero e augúrolle un existoso mandado, que se convertirá en exitoso período da Academia e de todos os seus componentes. A RAG non é un paraíso, por moito que algúns consideren chegar a ela a meta da súa vida e papen moito fel cada vez que xorde unha proposta nova. Pero a persoa que ocupa unha cadeira académica é afortunada e quen preside a notoria asamblea, unha figura pública privilexiada que ten merecido pola súa traxectoria intelectual tal privilexio. O éxito será sempre do conxunto.  

Cando as augas dos ríos matrios baixaban mansas, o profesor e mais eu demos conta á sociedade de que hogano sería o sesquicentenario de Cantares gallegos para que as institucións culturais puxesen en axenda este feito tan importante para a lingua e o país que a sustenta. Chegado o momento de augas avoltas, mudou a situación. Eu non teño nada que ver coa conmemoración máis que o meu compromiso persoal, pero o Director do Centro de Estudos Rosalianos chega á presidencia da RAG. Non é un ano calquera. E menos para o ilustre rosalianista, rosaliólogo e rosaliófilo que, nunha situación dobremente anómala, como el recoñeceu nas entrevistas, foi elixido polos académicos e académicas para seguir ao temón da nave que ten reservadas para si obrigas singulares coa lingua. E eu, amigo profesor, vexo aquí un sinal ben rosaliano.

Advertisements