BOSTON NON É BANGLADESH

 

Os tristes acontecementos do maratón de Boston (tres mortos e diversos feridos graves, e con lesión irreversibles) concitaron unha conmoción grande no mundo. As medidas de seguridade multiplicáronse, detivéronse os culpables –un con resultado de morte-, os medios de comunicación dedicáronlles moito tempo e a cidadanía quedou abraiada pola traxedia.

Case simultáneamente, en Bangladesh, na localidade de Savar, afundiuse un edificio poñendo de manifesto as condicións laborais e de seguridade dos traballadores que abastecen de “moda” as multinacionais de occidente, as que anticipan a primavera con publicidade alegre. O derrubo produciu 382 mortes e centos de desaparecidos. Bangladesh é o país con costes máis baratos de produción de roupa e, segundo os datos da Federación Nacional de Traballadores do sector Téxtil, entre derrubos e incendios nas súas fábricas producíronse 600 mortos e 3.000 feridos nos últimos 15 anos.

Ambas traxedias non tiveron o mesmo eco. Aos representantes dos poderes que xerarquizan as noticias que se han emitir día a día nos medios non lles pareceu que tivesen o mesmo valor estas vidas para a nosa sociedade. O capitalismo oculta as súas feitorías. E, se é verdade que todo canto pasa no mundo está globalizado, a explotación do terceiro mundo é doadamente ocultable. Por iso nos bombardean con contidos ben seleccionados para que miremos o noso embigo e non nos coma a mala conciencia.

O primeiro de maio de 1886, cando se produciu en Chicago a gran folga de obreiros para pedir xornada de oito horas e dereitos sindicais, paralizouse esta e outras ciudades con gran sorpresa para o mundo. O Philadelphia Tribune publicaba: “O elemento laboral foi picado por unha especie de tarántula universal e volveuse louco de remate”. Efectivamente, a partir daquel feito e da morte de cinco dirixentes sindicais ao ano seguinte, as convencións internacionais, as constitucións e as leis déronlles a razón aos traballadores, que adquiron dereitos sociais e canles de representación.

Estes avances recúan xa en Europa coa desculpa da crise na que nos meteron. As empresas máis exitosas deslocaron os centros de produción levándoos fundamentalmente a Bangladesh, onde se ronda o escravismo con man de obra moi barata. E os consumidores cerramos os ollos como se non fose connosco.

Advertisements