FEIRA DO LIBRO

 


O pasado domingo finalizou a Feira do Libro de Compostela e axiña se trasladará a outra cidade ou vila do país. Nada é máis esperanzador para a sociedade que constatar o éxito destas feiras nas que libreiros e libreiras transportan a lugares comunais de paso frecuente –como A Ferradura- os tesouros chamados libros para ofertalos ao público con algo de rebaixa. Cando a xente acode onde hai libros, achégase ao longo proceso da civilización humana, aos variados saberes, aos leceres personalizados, ás fantasías literarias, á historia como mestra da vida, ás diferencias e valores das distintas culturas e ao tan necesario pensamento crítico para se soster pereno na resaca das mareas que intentan pasar un raseiro á baixa polo cultivo persoal e a racionalidade. Non hai unha feira na que se vendan as cousas máis operativas por menos diñeiro, que menos separe as persoa visitantes polos seus intereses nin que permita máis puntos de vista do poliédrico mundo con só ir lendo os títulos dos libros expostos nos andeis.

O sector do libro, cada vez máis especializado e concienciado de que debe conservar o seu espazo sometido hoxe a fortes presións, ofrece nestas feiras actividades complementarias dentro da carpa de instalación, que van desde actuacións artísticas relacionadas coa escrita, a animación para os máis noviños, a presenza de autores que asinan novidades e os foros de debate.

O libro hoxe está rodeado de ruídos que fan máis complicado ese abrazo persoal de cadaquén coa lectura que acaba sempre nun acto íntimo e silencioso. O aporte do sector audiovisual é unha competencia moi forte para o libro clásico, aínda que non creo que poida acabar con el. Porque o libro é outra cousa. O libro, como obxecto independentemente do seu contido, ten a beleza da rosa e a rosa nunca desaparecerá nin dos xardíns nin dos desexos. Agora que nesta feira do libro de Santiago o ruído era tan real que facía difícil manter calquera actividades paralela á venda-exposición. E daba xenio comprobar o interese que poñían todas as partes enque estes actos puidesen celebrarse. O adianto dos prolegómenos da Ascensión rodeou o libro de excesivos decibelios competindo entre si;  arrecendo a churros, garrapiñadas e rocas de azúcar, e charlatanería de megatómbola. Mais unha cousa tira pola outra e din que foi unha boa feira. Parabéns.

Advertisements