OS (MEUS) HAIKUS

 

 

Di Mario Benedetti en El rincón del haiku que encerrar en 17 sílabas con destribución tan determinada unha sensación, unha dúbida, unha opinión, un sentimiento, unha paisaxe e mesmo unha breve anécdota, lle resultou un xogo ata que captou as novas posibilidades da vella estructura xaponesa. Daquela, a dificultade pasou a ser aliciente e a brevidade, unha provocativa forma de síntese. Que o haiku clásico, como forma lírica, sempre lle pareceu un desafío pero que non se puxo a imitar os poetas xaponeses, nin sequera a incorporar as súas imaxes e temas preferidos, senón que apelou aos seus propios vaivéns, inquietudes, paisaxes e sentimentos.

Comparto moito do que hai nestas confensións, pero na xestación deste libro singular apareceu o espírito do haiku antes que a forma.

O primeiro contacto coa expresión poética que opón a intensidade á extensión aconteceu cando completei co arce xaponés un recanto especial do meu locus amoenus. En véndoo tan diferente das outras árbores, intereseime por fomentar unha nova percepción da fermosura: a que simboliza, segundo Octavio Paz, unha ikebana, “nin simétrica, nin suntuosa, nin colorista; só pobre, simple e irregular”.

O desenvolvemento deste proceso iniciado no xardín realizouse fundamentalmente no monte, cando saín á rebusca dos cogomelos e contemplei cos novos ollos a morte aparente da natureza outonega. Foi así como, cabo dunha cesta de cantharellus cibarius, naceu unha primeira estrofa de 17 sílabas (5/7/5) de artificiosa elaboración e resultado simple. Tiña como kigo desencadeante as follas e non andaba lonxe da beleza fuyru, do pensamento zen, dun momento satori nin da poética do haiku.

Con aquela emoción nova procurei as palabras de Octavio Paz en Las peras del olmo, a pintura de Sesshu Toyo e os haikus clásicos de Matsuo Basho e de Oshima Ryoto. O resultado foi entrar durante unha longa temporada nun círculo de silencio e recollemento especial, nun verdadeiro exercicio para o espírito. Desde o punto de vista poético, viña de caer na fascinación perante a que sucumbiron os moitos poetas occidentais ao constataren a proximidade entre a poesía zen e as avangardas.

A partir de aí, practiquei unha creación compulsiva de haikus buscando rigorosamente a forma e deixándome estimular polos elementos da natureza que teño ao meu alcance ou conservo na memoria. A posibilidade de asocialos producíame, ademais dunha especial suspensión de ánimo, a ocasión de profundizar nunha nova prespectiva aplicable tanto á intuición como á expresión poética.

Tal como confesa Benedetti, eu tamén escribín os meus haikus desde o contorno vital e desde a miña totalidade. Séculos antes, o propio Basho deixounos definidos dunha maneira que pode disculpar as miñas pretensións: “Haiku é o que está sucedendo neste lugar, neste momento”.

Con Pálpebra azul poño unha selección nas vosas mans. Oxalá poidades recrear estes pequenos poemas como tales, experimentando algo de iluminación antes de volver ao silencio de partida.

 

(Prólogo de Pálpebra azul, Danú, Xantiago 2005)

 

Advertisements