BUSCANDO OURO

 

Estes días Galicia amarelea por todas partes. Entre os toxos e as xestas fixeron dos montes un continuum dourado coa elegancia das cúpulas e as pontes parisinas. E os pampillos saen á beira de todos os camiños confundindo a viandanza coa presenza de tan nobre metal. Vense ao lonxe as aspas brillantes de cada falso muíño de vento xirar por riba da cor que nos recorda a traxedia do Rei Midas e incluso o quimérico nome de El Dorado. Non estraña, xa que logo, a proliferación de buscadores de ouro que ansían este rincón atlántico. A condenada cobiza e a efémera beleza de que se revestíu a terra máis erma vailles xogar unha mala pasada. Porque aquí non hai máis que ficción creada polos montes nun ano propicio á floración das especies que mellor delatan a acidez do noso chan.

Desfeita a ilusión óptica, á febre do ouro acesa será difícil poñerlle freo. “Onde ouro se mide, ouro se verte”, di o noso refrán e dirán eles. Se se acabou na superficie, algo tivo que quedar debaixo dela. E o ouro, visto de calquera das dúas maneiras, hai que explotalo a ceo aberto, rañar a terra, abrir fendas e desfacer a paisaxe. Niso somos especialistas. Cada verán o lume lapa a arboreda máis inflamable, a menos nosa, como  un mal inevitable marcado polo sino da destrución do país que padecemos.

De Corcoesto aos Ancares –onde tamén florece a xesta branca, que ten algo de arxéntea- ábrese o camiño da busca do ouro perdido. Xa o andaba a procurar o señor Manuel da Pereira de Becerreá, instruído na busca do preciado metal polo padre Amaya dalgún convento onde estivera de neno. Para recoñecemento do seu son inconfundible levaba canda el o marteliño de probar as pedras prometedoras pola a ver se daban o tintineo que nunca soou. “El oro es del color del ladriño y se esconde de los rayos del sol que lo queman”, repetía adestrando rapazaces do seu arredor por se o querían suceder na busca auriense.

O primeiro de xuño, un grupo multiplinar de artistas celebrará o III Enarborar o Bosque en Corcoesto con recitais, pintura, música e maxia. Será unha romería reivindicativa tras da que deixarán un milladoiro de coios intervidos con poesía para alonxar os malos espíritos, arsénico e cianuro. Con este modelo de explotación poden mobilizarse polo interior da terra, a través das augas, contaminando as produccións agrícolas e gandeiras, e emponzoñando toda a ría.

Advertisements