LETRAS ANTES DAS LETRAS

 

 

Sendo convidada pola Federación de Entidades Galegas en Cataluña a pronunciar unha conferencia sobre os 150 anos de Cantares gallegos estiven no Centro Galego de Barcelona participando tamén das súas actividades arredor do 17 de maio. O seu presidente, Manoel Carrete Rivera, historiador e investigador incansable nos documentos da galeguidade con ese brío que dá a xuventude e a crenza no país, ensinoume o libriño-xoia Fiesta gallega de las letras, organizada por el Centro Gallego de Barcelona, y celebrada en el teatro Poliorama de dicha condal ciudad el día 18 de junio de 1950.

Hai que volver a esa época para valorar o que este evento significaba, comprender o uso do castelán e aínda algunhas concesións do mantenedor, o poeta e maxistrado Manuel Casado Nieto -que case ao remate do seu discurso fai unha longa e moi aplaudida referencia a Rosalía de Castro-, á idea imperante de España, pois todo debía pasar censura. A festa nacía dun certame literario que convocara o Centro Galego, presidido por Francisco Eyré Fernández. Na modalidade A (poesía en galego) gañou M. Cuña Novás co poema “Noite maior”. Mais, dada a calidade dos traballos presentados, créase un premio de 500 pesetas para o poema “Rondeau en louvor dunha dona catalana que morreu peleriña en Compostela aonde fora por unha pena de amor”, que resultou ser de Álvaro Cunqueiro, e dous de 250 cada un para os poemas “Froles do mar de Vigo”, de José Díaz Jácome, e “Roseira do teu mencer”, de José M. Álvarez Blázquez. E aínda houbo mención honorífica para “A barca da saudade”, de Fermín Bouza Brey.

Na modalidade B (prosa sobre a influencia da poesía trovadoresca provenzal en Cataluña e Galicia) o gañador foi un catalán, pero pola súa calidade, acordouse crear un accesit de 500 pesetas para o traballo presentado co lema “Languedoc”, de Francisco Fernández del Riego. Lamenta o xurado non poder, por circunstancias económicas, premiar outros traballos de ambos grupos pola súa valía. As outras dúas modalidades, C e D, declaráronse desertas.

“Medra xa a hedra polos dous lirios de leite das túas pernas

aínda que o derradeiro paso da danza medra na frauta do xograr.

Escoitas a don Tristán que morre salaiando: On és l’anell de la promesa?”.

Xa estaba aquí o mellor Álvaro Cunqueiro. Xa había no Centro Galego de Barcelona Letras antes das Letras.

 

Advertisements

2 opinións sobre “LETRAS ANTES DAS LETRAS

    • No ambiente que nós nos movemos, case si. En Cataluña tamén é certo que teñen o modelo catalán que anima á dignidade. Noutra emigración é máis difícil.

      Gústame

Os comentarios están pechados.