UN OVO DE MERLO

 

 

Hoxe apareceu un oviño de merlo pousado no meu muro. Tirárono desde unha camelia ben acopada na que a parella de “lustrosos larpeiros” construíu niño utilizando a última tecnoloxía: os plásticos. Os paxaros aprenden a sustituír os materiais tradicionais, que lles andan escasos, polos refugallos alternativos proporcionados polos humanos. Como non rompeu o ovo contra a pedra é un enigma. Como o lanzou e por que a merla choca pode explicarse xa que estaba tintado de escuro no estremo máis redondo denotando unha anomalía. Foi unha selección natural, unha especie de aborto para favorecer os que quedaban sans. A vida é así de dura e o frustado paxariño non terá sequera ocasión de o comprobar.

Aprenden os paxaros da necesidade e tamén aprende a nosa infancia cousas que lle pasaban desapercibidas ata hai pouco. O ambiente está entrefebrado de palabras noxentas –desafiuzamento, paro, despidos, recortes, políticos corruptos, preferentes, evasión de capitais, fugas de cerebros…- que se foron cargando de propensión á rebeldía compartida. Xa non sorprende escoitar nun programa de televisión a un grupo de infantes de ambos xéneros, de arredor dos dez anos, respondendo ás preguntas que lles fan sobre a actualidade que non teñen nada que ver con intereses que se lle suponían á nosa infancia satisfeita de case todo. En circunstancias normais, non saberían nin de que se lles fala, pero agora si. Responden con madurez e reflexión case revellas. Acabouse o recitado da alineación dos equipos de fútbol, os cromos e as ansias de pisar platós ou  pasarelas. A vida vai en serio e converteuse noutra cousa tamén para eles. É difícil andar entre a lama sen aparecer zarrapicado.

Escoitan as conversas familiares. E moitas destas conversas saen da boca dos avós e avoas que estaban aí para completar horarios de recollida, contarlles contos e consentirlles os caprichos, que para iso eran avós e non pais. Pero non. A realidade crúa fixo a súa entrada brutal nestas cabezas. Non sei por canto tempo estarán interesados en saber o que fan ou non fan os políticos, nos recortes en educación e en sanidade, en que Bárcenas sacou moitos cartos para unha conta escondida en Suíza. Pero hoxe a profesión máis deostada para eles é a política e ata lle buscan traballo ao rei: que goberne. A realidade tamén os tirou do seu niño contra a pedra.

 

 

Advertisements

2 opinións sobre “UN OVO DE MERLO

  1. Pois eles ainda teñen o amparo de xentes que viviron, digamos naturalmente, que eu tremo pensando nos seus fillos. Que xeito de vida terán? Pero a natureza é sabia.

    Gústame

Os comentarios están pechados.