ENARBORAR O BOSQUE


Alí onde o Anllóns pondaliano, declarado Lugar de Importancia Comunitaria no 2001, fai un forte recóbado por terras bergantiñás entre os concellos de Cabana e Ponteceso, hai riba da montaña cabanesa a ermida de Santa Mariña, onde se fai romería. Posiblemente substituíu un culto pagano xa que, cabo da ermida, tamén había un loureiro  considerado case árbore sagrada co que arramplaron os primeiros buscadores de ouro ao abriren as galerías para extraeren das entrañas de Corcoesto o becerro de ouro que move o mundo.

A uns trescentos metros da ermida queda unha das bocas da vella mina, enreixada por seguridade e emboscada nun pequeno espazo de vexetación umbría de fasquía exótica baixo unha rocha pigmentada como paleta de pintor. Mais os pintores quedaron  arriba, no lugar da romería, cos seus útiles esparexidos como as merendas. Onda os pintores tamén hai músicos, poetas, ilusionistas, talleres de estampación en tea e de intervención de coios con textos e imaxes coloridas que van agrandando un milladoiro fermosísimo, colocado alí para marcar territorio libre e espantar os malos espíritos da explotación mineira irracional a ceo aberto, o cianuro e o arsénico.

Esta xente do mundo da creación está acompañada por abondoso público procedente de lugares veciños que acudía o pasado sábado, sen ser festa, á chamada da romería artístico-reivindicativa Enarborar o bosque (terceira edición) que vai en defensa da natureza onde periga a súa integridade. Agora a natureza, a terra, periga en Bergantiños e os artistas creron ter alí o seu compromiso. Como complemento, había unha gran pancarta e día arriba fóronse expoñendo, en paneis improvisados, informacións sobre a baixa rendabilidade que tería a explotación en relación co seu custo ambiental e o perigo contaminante que podería deixar o espazo insalubre e envelenar o océano a través das augas.

Pola tarde chega á romería o poemario Versus cianuro, saído do trinque, que merca a xente, incluídos os colaboradores que recitan cadanseu poema, para expander a palabra contestataria, comprometida e indignada, que está de actualidade. Polo serán, quedaba baixo a brétema que serviu de palio á ceremonia ese monumento do desexo, presente en tantas culturas, o milladoiro, velando a véspera da manifestación que o domingo se deu cita en Compostela.

 

Advertisements