150 ANIVERSARIO DE “CANTARES GALLEGOS”

 


Rosalía de Castro é un fenómemo literario e humano que aparece por unha serie de circunstancias posibilitadoras do florecemento dunha personalidade tan ricaz como a súa nun determinado momento da historia: 1837.

Entre outras sinalaremos as que nos parecen máis salientables:

 -1)  Desde o século XVIII xorde en Europa, como produto do romanticismo liberador, un movemento que alenta a afirmación dos pobos e as súas creacións culturais, nomeadamente aqueles que, sen estado propio, teñen as características dunha nación. En todos estes pobos aparece un poeta nacional, fundador da súa literatura contemporánea. No XVIII sitúanse o escocés Robert Burns e o esloveno France Prešeren.  E no XIX, xa na contemporaneidade de Rosalía, culmina este proceso  coa aparición  de Joan Maragall en Cataluña, Frédéric Mistral en Porvenza e Sándor Petőfi en Hungría. A excepcionalidade feminina de Rosalía fai que Galicia sexa a única literatura do mundo fundada por unha muller.

-2) Estes pobos tiveran un pasado literario, no noso  a gran poesía medieval aínda sen descubrir no século XIX, ou posuían unha riqueza lírica oral salientable, polo que non era difícil crear na lingua do pobo unha poesía elaborada. Polas circunstancias biográficas, Rosalía pasou a infancia en contacto co idioma galego, en Ortoño e/ ou en Padrón, e posuía a plena competencia dunha fala ágrafa que ela recuperou para a escrita baseándose na pronuncia da lingua deturpada que o pobo conservara. A partir de Rosalía, xa empezan a buscarse camiños ortográficos e a recuperación da vella lingua culta que Galicia perdera polo seu infausto devir histórico.

-3) O matrimonio Rosalía de Castro-Manuel Murguía será decisivo para o desenvolvemento da escritora. Con el proseguirá a súa formación literaria e o seu pensamento progresista, relacionarase coa literatura universal e pasará a servir a causa da galeguidade, pois o grande intelectual encoméndalle parte do plan que tiña trazado para Galicia: a dignificación do presente. Rosalía estivo en contacto coa literatura e o pensamento europeo da súa época porque a biblioteca e a compañía de Murguía fixeron dela unha muller moi culta relacionada con xente de letras sen necesidade de frecuentar os cenáculos oficiais para vivir con plenitude intelectual a súa época. Rosalía será  a encargada de recuperar a lingua propia da postración na que se atopa, dignificala coa escrita e combater, ao mesmo tempo, a idea negativa que do noso país viñan difundindo algúns escritores españois, deses que desprezan canto ignoran, como Góngora ou Quevedo, por citar algún dos máis notorios antigalegos.

Coa publicación de Cantares gallegos,  Rosalía de Castro  devólvelle ao seu pobo a voz dignificada que levaba sen literatura escrita varios séculos. Libro auroral para Galicia e encontro da escritora coa súa lingua, Cantares gallegos parece o libro que esperaba Galicia para o seu Rexurdimento, pois  recupera a lingua nun canto de louvanza, representando un apoio fundamental ás ideas políticas de Muguía, que tiña posto á escritora en contacto co Libro de cantares, de Antonio Trueba, louvado por ela no seu prólogo.

En aparencia costumista, floclórico e popular, no fondo é un libro de defensa dos nosos sinais de identidade e incidiu fondamente na poboación  á que chegou fundamentalmente de oídas, pois o pobo era analfabeto e moito máis na súa lingua. Cantares é un poemario de afirmación do noso e de contestación á lenda negra que circulaba sobre Galicia desde séculos atrás. Na súa maior parte, é un libro declaradamente popular: nos motivos, na actitude, na música, na lingua e na expresión. Rosalía soubo captar de modo inigualable a actitude dos galegos fronte á vida, os resortes do seu comportamento e da súa existencia, e establecer unha comunión total de voz cos seus compatriotas. De aí a fortuna e a gratitude inmensa coa que é correspondida  onte e hoxe por este pobo que asumíu os seus Cantares na forma e na sustancia, facéndoos propios por séreno de seu.

Foi o único libro reeditado en vida da poeta (1872)  con catro  poemas engadidos.

No prólogo, a autora explicita os móbiles que a levaron a escribilo:

-Cantar a fermosura de Galicia e poñer de relevo a vizosidade de certos costumes.

-Demostrar a dignidade deste pobo.

-Desmentir as ofensas con que os alleos manchan o país.

-Evidenciar a histórica inxustiza cometida con Galicia.

-Elevar a categoría artística dun idioma degradado e deostado ao rexistro poético.

Rosalía, que se ocupa en toda a súa obra da condición feminina, poñerá os Cantares gallegos na voz dunha dunha moza, a meniña gaiteira, que vai conducindo os diferentes contidos do libro e asume, na súa maior parte, a voz lírica dos poemas. Sendo Rosalía unha muller boa coñecedora do teatro, son frecuentes no libro os poemas dialogados, case dispostos para a representación dramática. Unha das composicións está escrita como cifrada para a interpretación musical dunha alborada.

En canto á temática, é totalmente variada:

-13 composicións céntranse na descrición de tipos e costumes: as festas, o gaiteiro, a costureira, as vellas sabias, an ansias de matrimonio, a intervención dos santos…

-12 tratan, desde diversas perspectivas, o tema amoroso, ora felizmente resolto, ora fracasado por parte do home ou da muller.

-5 están centrados na problemática social. Nestas composicións o libro chega a clímax desa autodefensa apaixonada na que a autora carga as tintas contra os culpantes da miseria de Galicia. Neste grupo inclúense os da emigración temporal a Castela polas segas e “A gaita gallega”, que responde á composición do mesmo título de Ventura Ruíz Aguilera que se inclúe no libro.

-2 poemas de evocación íntima, que dalgún xeito anticipan a Follas novas, “Campanas de Bastabales” e “Como chove miudiño”, no que eu lírico é a propia Rosalía.

-E finalmente 2 composicións con difícil ubicación temática: unha lenda da Virxe que lle dá de mamar a un neno pobre e outro  cheo de señardade que por veces tamén parece asomarse ao eu lírico de Rosalía.

VIXENCIA DE CANTARES GALLEGOS 150 ANOS DESPOIS DA SÚA PUBLICACIÓN

Tendo eu a honra de presidir a Fundación Rosalía de Castro, a finais de 2011, o profesor Alonso Montero, Director do Centro de Estudos Rosalianos, e mais eu demos voz de alerta ás institucións oficiais de Galicia para que introduciran nas correspondentes axendas unha celebración digna do sesquicentenario de Cantares. Elas escoitaron esa voz, cousa que eu agradezo hoxe persoalmente, e este libro volveu poñerse de actualidade e grazas a el estamos de feito vivindo un auténtico ano rosaliano.

O pobo galego volveu acoller no seu seo o libro máis popular da súa literatura con agarimo e non hai concello, asociación cultural ou calquera outro grupo que entenda de cultura que non teña programada algunha actividade arredor del, o que ven  a demostrar a súa vixencia.

Hai vixencia mentres hai memoria. A nosa xente aínda recorda. O noso pobo conserva referencias dos seu pasado máis próximo e aínda se recoñece neste libro. Os problemas da lingua son hoxe tamén acuciantes pois, se gañou espazos, perdeu falantes e se existen leis que a protexan, a realidade é ben outra. En canto ao tema da emigración, que será leitmotif para a escritora en todos os poemarios, fíxose un problema universal, cada vez máis agravado polas circunstancias económicas. Incluso Galicia, que era receptora de migracións e recibía a retornados, volve ver marchar a súa xente, sobre todo a máis nova e preparada, para resolver a súa vida.

Advertisements