AS SANDALIAS DO SAN XOÁN

Entre os primeiros recordos da nena, uns están na festa do San Xoán. A mamá mercáralle unhas sandalias azúis e fixéralle un vestido da mesma cor cun canesú cadrado marcado por volantes. ¡Que bonita debía ir! Todos os que a vían baixando pola calella dicíanlle: “¡Que guapa! ¡Que guapa!”

Unha banda de música baixaba pola Estrada de Arriba tocando algo que á nena lle gustaba. Por iso marcaba a música cos pés na beirarrúa, onde parara para ver a festa de man de súa tía. A mamá non puidera saír porque estaba algo enferma. Devolvera a comida e fixéranlle moitos mimos. O papá quedara con ela.

Diante da banda viñan os cabezudos. ¡Moito medo lles tiña! A tía mercáralle un xelado, que lle gustaba. Mmmmm! Cando os tivo cerca, quixo esconderse entre os fruncidos da saia de súa tía pero un dos cabezudos empezou a lle facer garatuxas. Co medo, caeulle o xelado e grazas que non manchou os vestidos. E xa non houbo outro, porque non levaban máis diñeiro.

A banda non daba pasado. Eran moitos, moitísimos os músicos. E cando os cabezudos estiveron lonxe, a nena volveu bailar dándolles aos peíños ao son daquela peza que tocaba a Banda da Mariña de Ferrol, que despois seguía para o San Pedro de Burgos.

E os foguetes:

Xissssss PUM.

Xissssss pum pum pum pum pum.

Xissssss PUM.

Aos foguetes non lles tiña medo. Facíana rir. As festas, se non hubese cabezudos, serían moi bonitas.

Na Estrada de Arriba estaban tamén as “ruedas” de pólvora preparadas para estoupar pola noite dando voltas e soltando chispas. Ela veríaas desde a fiestra, se non quedaba antes durmida. Procuraría non cerrar os ollos para que a collese o papá no colo e llas ensinase, porque desde a ventá da casa na que nacera víase moita estrada.

Tanto bailou ao son daquela música que se lle desfixeron as sandalias. Súa tía subiuna no colo para a casa e a mamá chorou co disgusto de ver así un calzado novo. Pero ela deulle moitos bicos para que non chorase e sanara axiña.

Para o outro San Xoán xa tiña a seu irmanciño. Pero desa festa non recorda nada.

 

Advertisements