ELIXIR UN NOME

 

 

Os papás da nena mudáronse para unha casiña de seu uns días antes de que nacese seu irmán. Ela non sabía que ía ter un irmán, pero unha tarde levouna súa madriña  e non quería volver ata que as avisasen.

Xa de noite, mandáronlles recado. Volveron e abriu o papá, que a estaba esperando. Colleuna no colo e díxolle:

-Tes un irmán. Estivo preguntando por ti, pero agora quedou durmido. Anda con coidadiño que non esperte.

A nena púxose moi contenta e foino ver, pisando moi amodo.

Estaba envolveitiño nunha manta e botado no chan do cuarto. A mamá estaba na cama e había xente arredor dela. A señora Estrela de Constante, que tamén se chamaba a parteira, separoulle a manta ao neno para que o vise e deixoulle mirar como lle metía culleradiñas de macela azucarada na boca.

Cando lle deixaron ir bicar a mamá apertouse a ela. Quería quedar alí pero mandáronlle volver para o recanto do neno. Veu o papá e díxolle á orella que chegara nun caixón. Pero a nena non o creu. Vira moitas cousas raras na habitación. A mamá estaba enferma, todos a coidaban e falaban de que viñera o médico don Jaime, dono da casa onde nacera ela. Non creu o da caixa, pero non preguntou nada. Só miraba para aquel neno tan bonito. ¡Xa tiña un irmán para xogar!

Deitárona e axiña quedou durmida. Cando se ergueu pola mañá e foi mirar, o neno estaba na cama coa mamá. Ela tamén se meteu polo outro lado para non o mancar. Despois veu o papá e saíu xogar con el por entre os barrotes dos pés da cama. O papá empezou a dicir que Ovidio era un nome moi bonito. E á nena gustoulle moito. ¡Si que era bonito! E despois preguntáronlle:

-¿Como queres que se chame teu irmán?

E a nena dixo:

-Ovidio.

-Pois así mesmo lle imos poñer –dixo o papá

E marchou apuntar o neno con ese nome.

¡Que contenta estaba! Seu irmán íase chamar como ela quería e mamá xa sanara, porque se ría. Volveu meterse baixo das mantas e quedaron durmidos os tres xuntiños.

A nena tardaría en saber que Ovidio era  o irmán do papá que fusilaran aos 17 anos no 1936. E que o papá lles ía poñendo ese nome a todos os nenos que podía, como lles poñía Elvira a todas as nenas, que era o nome da mamá. E que ese nome non o elixira ela, aínda que o parecese. Pero era igual. Soubo, e sabe, que aquel 18 de outubro, que aboia na memoria, foi un dos días máis bonitos da súa vida.

 

 

 

 

Advertisements