PROXECTO “PEDIGREE”

No IES García Barros d’A Estrada, o profesor de Literatura Carlos Loureiro Rodríguez coordina traballos de aprendizaxe solidaria nun Taller de Creación Artística combinando o audiovisual e a literatura. Este traballo comezou con Dairas, unha curta coa técnica do “Stop Motion”, moi premiada, que acabou acompañada dun libro de poemas con tradución ao árabe. O resultado da venda do proxecto Dairas foi para a aula “García Barros” do Campo de Refuxiados do Tindouff en solidariedade co pobo saharauí. O resultado final foi utilizado como material pedagóxico en moitas aulas e materias pola súa interdisciplinariedade.

O segundo traballo que coordinou o profesor Carlos Loureiro é o “Proxecto Pedigree”, cuxa finalidade é promover o bo trato dos humanos aos animais e o respecto aos seres vivos, empezando polos máis próximos nos afectos e na xeografía. Pedigree tamén nace como audiovisual, elaborado coa mesma técnica, e recibiu moitos recoñecementos, como pasara con Dairas. O audiovisual, que trata das relación dunha nena e unha cadela, xa rescatada dun refuxio e abandonada outravolta polos novos donos ao non ser admitida nos hoteis polo verán, estreouse hai un ano no Teatro Principal d’A Estrada. A mala sorte e o abandono da cadela acabará tamén afectando a familia, que se verá rota pola crise económica. A curta está inspirada no caso dunha cadela real, recastada, chamada Nika, cuxa historia tivo a potencialidade de sacar esta pequena obra de arte das mans dunha comunidade escolar concienciada do que supón o maltrato animal en calquera manifestación.  

Pedigree segue acumulando premios e acaba de conseguir o galardón ao mellor audiovisual de ficción en Bacharelato no  “III Certame Audiovisual IES Monte Carrasco” de Cangas e o premio extraordinario do público. O proxecto Pedigree  inclúe tamén un libro de relatos sobre o trato con animais no que colaboran vinte escritoras e escritores das nosas letras que quixeron facer a súa achega literaria e altruista a este produto artístico e solidario que edita o Concello d’A Estrada coa mensaxe implícita do rechazo do maltrato aos animais. O proxecto pagóxico pretende ao mesmo tempo un efecto de concienciación na contorna do centro, por iso os 10.000 euros que pretenden obter da venda da edición conxunta irán destinados a unha ONG estradense.

 

Advertisements