DOS CALDOS MENORES

Nos tempos da gastronomía de estación, cando se comía o que produce a terra sen conservación, invernadoiro nin longo transporte, as verduras do caldo escaseaban e aparecían novos produtos na horta. Daquela facíanse caldos máis puntuais, que vou chamar menores. Non gozaban de tanto prestixio, pero había que lle botar ao estómago algo diante do compango, se é que o houbese. Polo xeral, eses caldos non levaban fabas e o proceso de elaboración era máis curto.

Viñéronme á memoria ao mercar unha mada de ceboliñas con follas tréfegas. E antollóuseme caldo de porretos, que se lles apañaban na horta antes de as arrancar. Non recordaba a receita, pedina pola rede e chegoume unha desde a miña terra e outra desde Buenos Aires, onde emigrou canda a xente. E foron os porretos ao caldo, coroándolle o final cun rustrido no que coubo unha uña de unto.

Canda el volveron á lista de recuperación da cociña pobre, na que ando empeñada, o de ervellos –chícharos-, cun punto exacto de dozura e pastosidade, que tamén leva rustrido sen unto, e o de leitugas. Agora as leitugas andan uniformadas porque se mercan en semente ou planta e o mercado tende á homoxeneización de unha ou dúas variedades, “folla de carballo”, a que máis se leva, e “iceberg”, a que máis se conserva cortada. Cando as leitugas eran polo seu e había “folla de mulo” ou “romanas”, botábase man delas para un caldo moi especial, demasiado doce e inconsistente, que se cociñaba como era habitual coas mesmas sustancias da carne e mais do unto. Ata para min, interesada na recuperación daquela cociña dos tempos idos, que  ameazan con volver, en que se facía inxeñería culinaria para alimentar a familia aproveitando todo o que había á man, este este caldo de leitugas tiña pouco creto pola súa rareza. Aínda así, vouno facer calquera día para comprobar se me mudaron os gustos coa experiencia. Cando o había que comer non andara mundo nin tiña contrastado sabores e texturas, e mesmo é posible que hoxe, téndolle doado á boca variedade de contrastes, o atope un prato saboroso e me reconcilie con el como co fixen co touciño.

O que si saco á mesa todos os anos, chegado este tempo, é un caldiño de fréxoles ou feixóns, incluído entre os menores porque está circunscrito a unha comarca. Pero é unha variedade que en nada desmerece aos caldos de prestixio: de nabizas, cimos, verzas ou repolo.

 

Advertisements

XORNALISMO LITERARIO

 

Son filla dun pai que pensaba en feminista e tiña postas en min as súas frustradas aspiracións á xornalista, facéndome constante louvanza do traballo máis engaiolante do mundo, pero non co desexo de que eu me sentase na mesa dunha redacción para trafegar noticias da realidade ao papel. A idea que aquel artesán, pobre pero cultivado, imbuía en min era a de “escribir nos xornais”. Para iso contaba unha e cen veces a historia dun artigo que publicara en “El Progreso” de Lugo titulado “El ciego de Gondel”, que nacera dunha anécdota acaecida na súa xastrería.

A moza do cego de Gondel, que lle viñera encargar un pantalón de pana, desde que xa marcharan volveu subir as escaleiras, agora ela soa, para lle dar o derradeiro recado do seu amo en ton solemne: “Di o cego, que non lle bote os petos do pantalón de dril, senón de lenzo”. Contábame el que lle resultara tan motivadora aquela intervención que fixera o exceso de intercalala na lingua que non imprimían as rotativas.

Coa idea de que o xornalismo era unha creación emocionada que nacía dunha frase suxerente, cheguei a Lugo para estudar Maxisterio, carreira curta que se axustaba ás posibilidades económicas da famila, disposta a conquistar de paso “El Progreso”, o mítico xornal dos lugueses. Para iso empregaba as horas libres en percorrer a muralla e en revisar a catedral e as salas do museo, que era o que máis me podía emocionar. Tiña a certeza de que atoparía a frase máxica que ía dar un artigo de calidade co que sorprender a meu pai.

O resultado foi desalentador: nada do que vía ou escoitaba me regalaba aquel galano. Por iso meu pai se tivo que conformar con que, máis tarde, eu exercese durante dous anos a corresponsalía dunha emisora de radio que consistía en narrar as novidades acaecidas na comarca dos Ancares nunha crónica por semana.

Para este traballo, que tiña os seus encantos así e todo, elixíranme porque acababa de publicar un libro de poemas. Xa que logo, xornalismo e literatura parece que andaban cerca. E, aínda que non me atrevería a lle chamar xornalismo literario nin moito menos, tamén sei que aquilo foi o inicio, pois procuraba darlle á redacción a máxima orixinalidade, ver sempre un tratamento persoal e poñer nel a mellor vontade de estilo propio.

Esta experiencia acabou no 1974 e non volvín ter relación cun medio ata 1992, cando me animou a entrar en contacto coa prensa o meu home, Xesús Rábade Paredes, que é tan amante do xornalismo literario como era meu pai morto xa había tempo.   Foi así como empecei a publicar en “El Correo Gallego”, aínda esporadicamente. Algo máis tarde, encargueime do espazo que Xesús pretendía deixar para coller un respiro. Daquela tomei gusto por esta dedicación e alí quedei cunha columniña semanal.

         Estou moi agradecida, como escritora, ao arrequecemento que me prestan estas colaboracións. Porque crear un texto de 1976 caracteres, interxenérico, que hora se parece a un poema, ora a unha narración; ora é descritivo, ora se implica en liña argumental; ora está cargado de humor, ora destila raiba contida; ora se apega ao acontecer, ora é puramente imaxinativo, ten  que ser por forza un labor exercitante e prestar unha aprendizaxe transferible aos textos literarios.

Este traballo suxeito ao tempo  non me agobia porque non o fago a diario. Para perfilar minimamente esta interacción literaria coa sociedade, que é unha das grandes ventaxas de publicar nun xornal, teño sete días para me ir enchoupando co que pasa, analizando a realidade e acotando espazos que me interesan e  poden interesar aos presuntos lectores, tomando notas variopintas para un ficheiro non sempre aproveitado pero útil, diseccionando un libro sobre o que quero falar…

         O que eu entendo por xornalismo literario é unha escrita moi próxima á realidade que atopa o seu sentido editada entre o discurso plural que describe o mundo día a día e complementando a mera persecución dos clásicos cinco “w”. Esta promiscuidade do escritor coa noticia é quen somete este traballo literario a un destino efémero. Estamos tan próximos á realidade que temos que captar o interese dos lectores e lectoras que procuran as páxinas do xornal para enteirarse do que pasa no mundo e que desexan, de paso, disfrutar cun discurso que pode exprimer  as connotacións das palabras, estimular o gozo estético e resaltar a liberdade de pensamento segundo a subxectividade coa que cadaquén é capaz de ver as cousas.

E non querería acabar esta disquisición sen render homenaxe a dous mestres  dos que procuro aprender, cando menos, o valor que ten o xornalismo literario: o noso inimitable Álvaro Cunqueiro, o señor das palabras e do discurso engaiolante, e Juan José Millás, capaz de crear un admirable artigo con só facerlles percorrer ás palabras os profundos recoveques da súa capacidade para ese xénero que el mesmo bautizou co nome de “articuentos”.

150 ANIVERSARIO DE “CANTARES GALLEGOS”

 


Rosalía de Castro é un fenómemo literario e humano que aparece por unha serie de circunstancias posibilitadoras do florecemento dunha personalidade tan ricaz como a súa nun determinado momento da historia: 1837.

Entre outras sinalaremos as que nos parecen máis salientables:

 -1)  Desde o século XVIII xorde en Europa, como produto do romanticismo liberador, un movemento que alenta a afirmación dos pobos e as súas creacións culturais, nomeadamente aqueles que, sen estado propio, teñen as características dunha nación. En todos estes pobos aparece un poeta nacional, fundador da súa literatura contemporánea. No XVIII sitúanse o escocés Robert Burns e o esloveno France Prešeren.  E no XIX, xa na contemporaneidade de Rosalía, culmina este proceso  coa aparición  de Joan Maragall en Cataluña, Frédéric Mistral en Porvenza e Sándor Petőfi en Hungría. A excepcionalidade feminina de Rosalía fai que Galicia sexa a única literatura do mundo fundada por unha muller.

-2) Estes pobos tiveran un pasado literario, no noso  a gran poesía medieval aínda sen descubrir no século XIX, ou posuían unha riqueza lírica oral salientable, polo que non era difícil crear na lingua do pobo unha poesía elaborada. Polas circunstancias biográficas, Rosalía pasou a infancia en contacto co idioma galego, en Ortoño e/ ou en Padrón, e posuía a plena competencia dunha fala ágrafa que ela recuperou para a escrita baseándose na pronuncia da lingua deturpada que o pobo conservara. A partir de Rosalía, xa empezan a buscarse camiños ortográficos e a recuperación da vella lingua culta que Galicia perdera polo seu infausto devir histórico.

-3) O matrimonio Rosalía de Castro-Manuel Murguía será decisivo para o desenvolvemento da escritora. Con el proseguirá a súa formación literaria e o seu pensamento progresista, relacionarase coa literatura universal e pasará a servir a causa da galeguidade, pois o grande intelectual encoméndalle parte do plan que tiña trazado para Galicia: a dignificación do presente. Rosalía estivo en contacto coa literatura e o pensamento europeo da súa época porque a biblioteca e a compañía de Murguía fixeron dela unha muller moi culta relacionada con xente de letras sen necesidade de frecuentar os cenáculos oficiais para vivir con plenitude intelectual a súa época. Rosalía será  a encargada de recuperar a lingua propia da postración na que se atopa, dignificala coa escrita e combater, ao mesmo tempo, a idea negativa que do noso país viñan difundindo algúns escritores españois, deses que desprezan canto ignoran, como Góngora ou Quevedo, por citar algún dos máis notorios antigalegos.

Coa publicación de Cantares gallegos,  Rosalía de Castro  devólvelle ao seu pobo a voz dignificada que levaba sen literatura escrita varios séculos. Libro auroral para Galicia e encontro da escritora coa súa lingua, Cantares gallegos parece o libro que esperaba Galicia para o seu Rexurdimento, pois  recupera a lingua nun canto de louvanza, representando un apoio fundamental ás ideas políticas de Muguía, que tiña posto á escritora en contacto co Libro de cantares, de Antonio Trueba, louvado por ela no seu prólogo.

En aparencia costumista, floclórico e popular, no fondo é un libro de defensa dos nosos sinais de identidade e incidiu fondamente na poboación  á que chegou fundamentalmente de oídas, pois o pobo era analfabeto e moito máis na súa lingua. Cantares é un poemario de afirmación do noso e de contestación á lenda negra que circulaba sobre Galicia desde séculos atrás. Na súa maior parte, é un libro declaradamente popular: nos motivos, na actitude, na música, na lingua e na expresión. Rosalía soubo captar de modo inigualable a actitude dos galegos fronte á vida, os resortes do seu comportamento e da súa existencia, e establecer unha comunión total de voz cos seus compatriotas. De aí a fortuna e a gratitude inmensa coa que é correspondida  onte e hoxe por este pobo que asumíu os seus Cantares na forma e na sustancia, facéndoos propios por séreno de seu.

Foi o único libro reeditado en vida da poeta (1872)  con catro  poemas engadidos.

No prólogo, a autora explicita os móbiles que a levaron a escribilo:

-Cantar a fermosura de Galicia e poñer de relevo a vizosidade de certos costumes.

-Demostrar a dignidade deste pobo.

-Desmentir as ofensas con que os alleos manchan o país.

-Evidenciar a histórica inxustiza cometida con Galicia.

-Elevar a categoría artística dun idioma degradado e deostado ao rexistro poético.

Rosalía, que se ocupa en toda a súa obra da condición feminina, poñerá os Cantares gallegos na voz dunha dunha moza, a meniña gaiteira, que vai conducindo os diferentes contidos do libro e asume, na súa maior parte, a voz lírica dos poemas. Sendo Rosalía unha muller boa coñecedora do teatro, son frecuentes no libro os poemas dialogados, case dispostos para a representación dramática. Unha das composicións está escrita como cifrada para a interpretación musical dunha alborada.

En canto á temática, é totalmente variada:

-13 composicións céntranse na descrición de tipos e costumes: as festas, o gaiteiro, a costureira, as vellas sabias, an ansias de matrimonio, a intervención dos santos…

-12 tratan, desde diversas perspectivas, o tema amoroso, ora felizmente resolto, ora fracasado por parte do home ou da muller.

-5 están centrados na problemática social. Nestas composicións o libro chega a clímax desa autodefensa apaixonada na que a autora carga as tintas contra os culpantes da miseria de Galicia. Neste grupo inclúense os da emigración temporal a Castela polas segas e “A gaita gallega”, que responde á composición do mesmo título de Ventura Ruíz Aguilera que se inclúe no libro.

-2 poemas de evocación íntima, que dalgún xeito anticipan a Follas novas, “Campanas de Bastabales” e “Como chove miudiño”, no que eu lírico é a propia Rosalía.

-E finalmente 2 composicións con difícil ubicación temática: unha lenda da Virxe que lle dá de mamar a un neno pobre e outro  cheo de señardade que por veces tamén parece asomarse ao eu lírico de Rosalía.

VIXENCIA DE CANTARES GALLEGOS 150 ANOS DESPOIS DA SÚA PUBLICACIÓN

Tendo eu a honra de presidir a Fundación Rosalía de Castro, a finais de 2011, o profesor Alonso Montero, Director do Centro de Estudos Rosalianos, e mais eu demos voz de alerta ás institucións oficiais de Galicia para que introduciran nas correspondentes axendas unha celebración digna do sesquicentenario de Cantares. Elas escoitaron esa voz, cousa que eu agradezo hoxe persoalmente, e este libro volveu poñerse de actualidade e grazas a el estamos de feito vivindo un auténtico ano rosaliano.

O pobo galego volveu acoller no seu seo o libro máis popular da súa literatura con agarimo e non hai concello, asociación cultural ou calquera outro grupo que entenda de cultura que non teña programada algunha actividade arredor del, o que ven  a demostrar a súa vixencia.

Hai vixencia mentres hai memoria. A nosa xente aínda recorda. O noso pobo conserva referencias dos seu pasado máis próximo e aínda se recoñece neste libro. Os problemas da lingua son hoxe tamén acuciantes pois, se gañou espazos, perdeu falantes e se existen leis que a protexan, a realidade é ben outra. En canto ao tema da emigración, que será leitmotif para a escritora en todos os poemarios, fíxose un problema universal, cada vez máis agravado polas circunstancias económicas. Incluso Galicia, que era receptora de migracións e recibía a retornados, volve ver marchar a súa xente, sobre todo a máis nova e preparada, para resolver a súa vida.

A COCIÑA DOS CUNQUEIRO

 

Cando as mulleres cultivadas se dedicaban a atender a casa e os seus, sen traballo remunerado fóra, facían recetarios de cociña familiar que pasaban como herdo de nais a fillas, en libretas de escrita demorada. Ás veces era unha soa, pero podían ser dez, que outras tantas lle deixou Elvira González-Seco Seoane ao seu fillo César Cunqueiro. Cando menos dúas delas son un tesouro de faceres e sabores que non debían permanecer inéditas, pois achégannos á cociña ecléctica na que se mestura a arte culinaria da zona de Mondoñedo, elaborada con produtos da terra, e pratos máis internacionais copiados doutras cociñas próximas ou estranxeiras. Ao lado das receitas, tras da experimentación na cociña propia, engadía a calificación merecida e algunha nota oportuna.

As receitas foron seleccionadas polo gastrónomo Miguel Vila Pernas, editor da obra que acaba de saír do prelo de Galaxia co título A cociña dos Cunqueiro, reducíndoas ás oitenta que considera as que mellor representan a cociña que ela elaboraba, mantendo o máis fielmente posible o texto manuscrito dos cadernos, con algunha aclaración propia cando a cre necesaria.

O libro ten un limiar de César Cunqueiro sobre súa nai Elvira, unha pequena peza literaria valiosa en si e tamén iluminadora para completar o contido e a interpretación do recetario. Faille a introdución Miguel Vila Pernas, explicando a orixe e significado desta cociña e os criterios da edición. Para poder visualizar ese repertorio de pratos tan variados –legumes, verduras e entrantes; empanadas; ovos; peixes e mariscos; carnes e sobremesas- un cociñeiro de prestixio, Iago Castrillón, realizou as receitas e Soledad Felloza recolleunas nunhas magníficas fotografías que moito arriquecen a presenza do libro. Algún dos pratos, incluído un delicioso cava con morangos, repetiuno o cociñeiro para que o desgustasemos en formato de petisco no restaurante Acio da rúa Galeras tras da presentación da obra o pasado venres ao mediodía. 

Eu xa empecei a navegar por este libro, como non podía ser doutro xeito segundo o meu interese polo mundo culinario. Empecei polos pratos que utilizan a pataca cando no é o ingrediente habitual, como as filloas e as albóndegas que alí se explican e se mostran. Das sobremesas, vou coas chulas de laranxa e as receitas con mazá, doadas e ben saborosas.