JAMES BON FALA COA PAISANA


 http://www.youtube.com/watch?v=CrL7RFxfjhs

Circula pola rede un vídeo de imaxes fixas con dous personaxes que dialogan, un que fai de James Bond –representado pola foto de Pierce Brosnan coa pistola ladeándolle a cara- e unha paisana de noso –representada por unha ben difundida muller maior de gran semellanza co Papa demisionario-. El fai unha chamada telefónica e ela forma parte involuntaria da conversa. Os dous falan castelán, o del como idioma habitual e o dela relativamente naturalizado. A conversa non pode ser máis surrealista nin paralela. É evidente que non abonda falar a mesma lingua para comunicarse. É necesario ter contido participado no que ambas persoas se poidan entender.

A paisana ten moita paciencia con el, coa súa fantasiosa cosmovisión. El é, polo contrario, psicoloxicamente tóxico ao entrar con esixencias e premuras na vida dunha muller rural que non participa da imaxinación desenvolvida por creadores literarios nin cinematográficos. El maniféstalle as urxencias propias das súas actuacións de salvamento cheas de ousadías ás que a pretende vincular. Ela vive a realidad crúa do seu traballo, do seu fillo que tamén vai traballar, da súa aldea, da equivocación dunha chamada inintelixible que se complica ao largo da conversa da que ela quere saír tratando de convencer do equívoco a un interlocutor que ata lle impón un nome falso.

Cando se escoita varias veces –recoñezo que o produto é tentador – vaise cambiando a percepción do rol que un e outro personaxes desempeñan na disparatada conversa. O espectador-oínte vai virando a valoración do rol dos pseudodialogantes. El, construído, estudado, interpretado -nun momento perde a coherencia do discurso con dúas muletiñas inaceptables no contexto-, tirano nas formas, superior e avasalador. Ela espontánea, representando a súa vida de muller maior e rural que intenta arrastrar o estraño interlocutor á sensatez aproveitando os momentos en que albisca unha palabra compartida capaz de reconducir a loucura á equivocación dun número do listín.

Como insiste en que é coparticipe na aventura e a cita nun helicóptero, ela acaba colgándolle o teléfono despois de pronunciar as palabras do seu trunfo: “Ai, mi madriña como está osté”. Aí é onde a nosa paisana, que espertara compaixón por ser obxecto de mofa,  gaña a nosa admiración pola súa intelixencia e san xuízo.

 

 

Advertisements