REPENSANDO A TRISTEZA ROSALIANA PARA RESPONDER Á AMIGA PROFA. MARIA LÚCIA DÁRIO QUE ANDA A LER OS SEUS VERSOS COMPOSTELANOS

 

Vou tentar abrir un abano de ideas sobre a tristeza rosaliana, porque múltiples considero as razóns desa “tristeza” que Vde. percibe e da que moito se leva falado.

 1. Repasando a súa biografía, xusto no 128º aniversario do seu pasamento:

a) Era filla de nai solteira, fidalga empobrecida, e dun coengo da catedral de Iria. Polo tanto, o seu nacemento foi considerado espúreo e iría parar á inclusa se non a recollese súa madriña -unha criada da nai- para que non ingresase no establecemento benéfico do que moi probablemente non sairía con vida pola súa delicada saúde. Non sabemos certamente quen a atendeu os seus primeiros catro anos de vida -dicíase que dúas tías paternas na aldea de Tarroeira en Ortoño (Ames)-, pero está documentado que aos cinco anos vivía coa súa nai en Padrón e logo en Santiago. Aquí sería mirada pola beatería como froito dun pecado sacrílego. Neste feito baséase o mito da súa tristeza e hai quen interpreta o poema da Negra Sombra como unha persecución obsesiva da sotana paterna. Sabemos sabemos que tivo relación con seu pai, aínda que non fose pública.

b) Levou unha vida presidida polos apuros económicos. Andou errante acompañando o seu home. Non tivo casa propia e ata deu a luz dos xemelgos na casa dun parente. En canto ao seu home, que foi definitivo para a súa formación e desenvolvemento de escritora universal, porque a admiraba moito, era bohemio e mullerego e non sei se atoparía nel ese amor satisfactorio de parella que sen dúbida desexaría.

c) Tivo sete fillos. Unha naceulle morta e outro faleceu nun accidente doméstico sendo pequeno. Aínda así, debemos dimensionar o que significaba nesta época a perda dun fillo, porque a mortalidade infantil era altísima.

 

2. Valorando o seu pensamento

-Non podemos limitar a liberdade creativa ao ámbito exclusivamente biográfico.

-Rosalía ten unha visión da vida conectada coas correntes da época, que coñecía ben a través da biblioteca do seu home, Manuel Murguía. Na súa poesía máis ontolóxica e radical non hai que buscar só o desespero persoal senón unha postura común cos pensadores europeos.  

-Eu non acredito nesa depresión permanente da que se fala a miúdo, sen tela lido a fondo, entre outras razóns porque comparto esa concepción tráxica de vida coa morte ao fondo a pesar de vivir feliz cos meus e tendo relativa boa sorte. 


Espero terlle esbozado algunha pista para que Vde. tire as súas propias conclusións.

 

 

 

Advertisements