CONVERSA A MESA E MANTEL

A revista gastronómica Ben bo, que leva dous números na rúa e vai sacar o terceiro, ten unha sección novidosa: a conversa entre dúas persoas mentres xantan nunha casa de restauración acreditada. No primeiro número, os cineastas Luís Tosar e Jorge Coira. No segundo, os gastrónomos Pepe Solla,  pai e fillo. Para o terceiro, a literatura e a comunicación. E tiven a sorte de ser convidada a diálogo con María Solar, alumna antano e amiga hoxe.

O encontro tivo lugar na “Casa Isolina” de Taragoña (Rianxo), que conta con gran tradición e ten un xardín privilexiado na sombra do mediodía. Alí sentamos a falar tal como nos anunciara Miguel Vila Pernas, amable convidante, do divino e do humano. O menú que nos serviron, en parte suxerido polas nosas apetencias e en parte ofrecido pola casa como especialidade, foi unha auténtica ledicia para os ollos e para a boca. Desde as xoubiñas entrantes ata o viño doce da sobremesa, voulle dar sen  reservas a máxima calificación e alí me terán calquera día a recuncar.

Sermos as dúas mulleres supoño que lle deu á conversa algunha característica especial. As que non renunciamos ao coidado alimentario dos nosos e andamos a diario na cociña temos un punto de vista que engadir á gastronomía: comer mellor con menor gasto. E aínda a preocupación pola  educación nutricional, que engade os criterios dietéticos. A pesar das diferencias xeracionais, coincidimos plenamente nesas apreciacións. E alí lle demos á importancia da culler nos menús para todas as idades, de introducir alimentos baratos –como  algúns peixes sabedores- nas cartas dos restaurantes e da recuperación dos nosos pratos de sempre adaptándoos ás recomendacións gastronómicas de hoxe. Para corroborar esta proposta, pedimos unhas xoubas guisadas das de toda a vida e déronnos a razón. Pura gloria.

Tamén concordamos na necesidade que teñen moitos establecementos hosteleiros de coidar a calidade do pan e de ofrecer unha pequena variedade na paneira, así como das patacas que non adoitan estar á altura das marabillas que se producen no país e que os compangos merecen. De recuperar as variedade das nosas empanadas conservando os ósos da pequena bichería que tanta sustancia dan, aínda que sexan máis difícil de abordar no prato. E non podíamos esquecer unha sobremesa de calidade con froita de tempada incorporada.

Advertisements