PREMIO A NOVELISTAS XOVES

 

Biblos, Clube de Lectores cumpre 10 anos de traballo de Tucho e Carmela pola cultura, moi principalmente a edición e difusión do libro. Pero aínda vai máis aló, pois, en colaboración con Pazos de Galicia, converteuse tamén en promotora de creación cun premio para xente moza menor de 25 anos. Concorren aspirantes a novelistas cun proxecto que, valorado por un xurado, seguirá o percurso coa tutoría dun escritor ou escritora consagrados ata acabar a obra cun ordenador portátil do trinque, afastándose dos ruídos mundanos durante un mes na Casa Grande do Bachao. Quen gaña recibe tamén a escultura de Luis Loureira, A peneira dos soños. A novela publícaa Biblos en galego e castelán.

Neste establecemento, sobre o río Tambre na aba do monte máis alto de Santiago (Castromaior-Espiñeira), que foi un lugar de recadación de tributos, entréganse os premios nunha festa literaria na que se dan cita persoas do mundo da cultura de Galicia –con presencia tamén de Portugal- representando  a literatura, a edición, a música, a plástica, o teatro… Esta é unha festa moi particular, ademais de polo seu motivo, polo esmero con que é preparada polo anfritrión, Xavier Goyanes, e polo lugar xeográfico no que sitúa a casa, pois o solpor alí é realmente espectacular. A festa estivo amenizada pola cantante María Xosé Silvar, Sés, con varias pezas do seu repertorio.

Na novena edición, cun xurado composto por Iria Morgade Valcárcel, Tucho Calvo e María Xosé Queizán como secretaria, a gañadora foi Lidia Gómez, de dezanove anos, que, en palabras da secretaria que será a novelista tutora, ofrece un retrato singular dunha sociedade de tipo decimonónico a través da relación dunha lavandeira compostelana e a súa patrona, dona dunha curtiduría da Pontepedriña. Tamén estaba presente a finalista, Adriana Grela, á que Queizán animou a seguir traballando no seu proxecto.

Canda este galardón-estímulo á creación literaria, os convocantes fixeron entrega tamén da outra modalidade, o V premio á Colaboración Necesaria coa Cultura, que recibiron Narciso Luaces e Herminia Cobelo, parella que coida o Museo Etnográfico de Meixido, en Ortigueira, en consideración á importancia das máis de tres mil pezas que exhibe, ao trato persoal e altruista que ofrecen e os coñecementos que transmiten sobre todas as pezas expostas.

 

 

Advertisements