ESPIDO

Xogando este mediodía coa cámara -xogar é un dicir- dei con esta forma.

Parécese a unha creación poética en que se acopla o que chega de fóra, neste caso por azar, cunha forma descoñecida que está agardando dentro.

Como me gustou, déixoa aquí antes de pasala ao álbum ERÓTICA VISUAL.

Oxalá poidades compartir comigo a emoción da descuberta.

¿QUE APLAUDÍAN?

 

 

Como sobriña dun rapaz apresado no concello de Becerreá e executado no de Láncara, limítrofes co de Baralla, en agosto de 1936, gustaríame saber que aplaudía a veciñanza o día do pleno para pedir o cesamento do alcalde da vila por unhas palabras ofensivas para as vítimas do franquismo, cando o viron saír vitorioso cos votos dos seus compañeiros de partido.

A xente do concello que se chamou Neira de Xusá e hoxe Baralla non é peor nin mellor que a doutros. Estou convencida de que verían mal calquera crime levado a cabo así porque si e aínda peor se o morto tivese 17 anos, o fosen sacar da casa en compañía dun curmán e cuñado, alcalde da súa vila, para os mataren sen causa nin xuízo e desfacérense dos cadáveres. Estou segura de que é xente  moi mirada cos mortos, como toda Galicia. Cumpre co rito herdado de os enterrar en cemiterio co nome, e palabras de recordo e promesa de non os esquecer nas súas lápidas. Seinos capaces de comprender o que podemos sentir as persoas que temos familiares perdidos porque os asasinos nolos esconderon baixo a terra e o olvido, sen sabermos onde ir colcarlles flores nin rezarlles unha oración ou un responso. É seguro que a maioría destes veciños son persoas de bo corazón, incluso crentes que rezan polo descanso dos seus.

A veciñanza das parroquias do concello lamentarán as mortes violentas e é moi posible que se lles teñan vido as bágoas aos ollos cando coñecían accións de bandas terroristas con resultado de morte e terían pedido o endurecemento das penas para os viles asasinos que obraban por ideoloxía. Estou máis que convencida de que nunca se lles ocorreu que algunha razón terían para matar así. Porque, se se lles pasase pola cabeza, teríanse conceptuados a eles mesmos mala xente e serían mal vistos pola veciñanza que, de llo escoitar a alguén, teríano deostado con acaloramento en defensa da vida arrebatada por capricho, por pensar doutra maneira ou por pasar por alí.

Por iso non sei que aplaudían nin se sabían para que estaban no consistorio. Non era un asunto de vencedores e vencidos en defensa dunha actuación de goberno dun alcalde ao que lle deron carta branca para os gobernar como lle pareza. Era a reprobación dunha acción persoal, irresponsable e antidemocrática dun alcalde que ata choca cos costumes apuntados máis arriba. Por iso me gustaría saber a que lle aplaudían esa mañá.      

Publicado en El Correo Gallego (30-08-13)

EMPANADAS NO VERÁN

 


Empanada rianxeira de berberechos

 

Se calquera momento é bo para levar unha empanada á mesa, cómodo manxar que aforra o prato –esa é a súa orixe- e ten na temperatura ambiente o seu mellor punto de sabor, o verán ven moi xeitoso para ela. O pan é un ingrediente importante, non só pola súa calidade senón polo cereal que aporta textura e sabores diferentes. Trigo, centeo, mestillón (trigo e centeo) ou millo (con algo de mestura das outras fariñas para unha mímina liga) son indicadas para zaragalladas diferentes, aínda que case todos poden valer para calquera recheo. Para as empanadas mariñeiras préstase o millo e as masas de trigo non levedadas. E para as de montaña, o centeo ou o mestillón. A masa máis sofisticada, o folleado (trigo con manteiga de vaca) queda moi ben coas carnes brancas.

Para a singularidade da masa son importantes outros ingredientes (auga, leite, aceite ou manteiga, viño branco, cervexa, ovos…) e a utilización ou non de fermento biolóxico ou químico, co que de cada forno saen empanadas diferentes. A pena é que esta riqueza de variedades estea sendo desprazada por un produto estándar de trigo, bonito e cebola que se pode atopar en calquera sitio.

As xoubas desespiñadas con cebola, pemento verde, unha mazá aceda do país en lispas e unha alegría de ourego fan unha empanada deliciosa, tanto en millo como en trigo mesmo sen levedar. A receita é válida para outro peixe azul, en especial para a xarda. Por Rianxo fan un produto moi estimado con  millo e berberechos enteiros que deixan no pan o líquido que perden ao abriren.

Na alta montaña usan verduras, leitugas tipo orella de mulo ou acelgas, que polo Caurel chaman “maravalla” -de onde puido coller Sarmiento o significado da palabra como “verdura”- que con touciño e chourizo, en pan de centeo ou mestillón, é outra empanada orixinal. Agora faise xa nalgúns restaurantes con grelos e mesmo con cocido.

As de coello e polo –ás clásicas pónselles tamén chourizo, xamón ou touciño- levaban o óso. Comelas non resulta tan doado, pero o sabor gaña con relación ás de peituga que se pode adquirir en tendas especializadas. Tamén levaba a costela unha de zorza que servían na Casa Elisa de Monforte a principios dos anos setenta. E alí é moi celebrada a de papuxa.

Quédame sen catar unha rianxeira de costela de porco salgada, seica unha auténtica delicia. Pero non acabará o verán sen que eu a probe.

Publicado en El Correo Gallego, 23-08-13

 

 

 

 

PREMIOS “ALECRÍN DOURADO”

 


A Federación de Entidades Galegas en Cataluña (FEGALCAT) organiza cada ano un encontro en distintos lugares de Galicia. No seu transcurso fai actividades culturais e entrega os galardóns “Alecrín dourado” a persoas ligadas ao servizo á entidade e do mundo da cultura. Hogano, o día 13, inaugurou pola mañá a biblioteca interparroquial Barcelona, na casa reitoral de Folgoso do Caurel, cuns sete mil volumes xuntados e cedidos polos veciños de Quiroga, Ribas de Sil e O Caurel asentados en Cataluña. 

Pero o lugar elixido para a celebración foi A Seara, un dos núcleos poboacionais máis singulares de Galicia, onde reconstrúen escrupulosamente as casas apizarradas con patíns e cantos redondeados para o paso do carro, tanto os veciños que regresan ou as habitan todo o ano en escaso número como os que as mercan para residencia de lecer elixindo un descanso alternativo a outras ofertas. Alí pode tomarse o sol nunha fermosa praíña do río Selmo, que cruza a aldea pasando unha ponte romana e deixando pequenas fervenzas antes do salto espectacular que dará uns quilómetros máis abaixo. Alí pódese disfrutar de flora e fauna pouco común, da variedade dunha terra de grandes contrastes na paisaxe e ata esquecerse do mundo opresor das comunicacións, pois A Seara está unida ao resto do planeta só polo teléfono do mesón que ofrece a gastronomía da zona.

Neste lugar idílico no verán, a Fegalcat fixo o núcleo da festa pola tarde. Tras do xantar de confraternización, os participantes dirixíronse á igrexa parroquial, recentemente reconstruída, á que peregrinou a réplica da Virxe dos Ollos Grandes –a máis coñecida Virxe do Leite-. Nun acto conducido por Manoel Carrete, presidente do Centro Galego de Barcelona, quen está á fronte da Fegalcat, Domingo Balboa, fixo a entrega dos galardóns. En primeiro lugar, dun diploma de agradecemento e unha medalla ao anterior presidente da institución, Luís Lamas. E dos catro “Alecríns 2013” á cantante María do Ceo, pola súa permanente colaboración, a Xósé Neira Vilas, polo compromiso con Galicia e a súa lingua, á Fundación Carlos Casares, pola contribución á cultura, e a esta que lles escribe, polo labor poético e o traballo a favor de Rosalía de Castro. Tras dunhas emotivas palabras de Xosé Neira Vilas, María do Ceo ofreceu un concerto que finalizou coa “Negra sombra”.  

 

 

AQUELES DOCES CANTARES

 


Aqueles doces cantares. Unha ofrenda musical a Rosalía de Castro, ven de ser publicado polo Consello da Cultura Galega como unha aportación máis ás actividades que a institución desenvolveu hogano para conmemorar os 150 anos de Cantares gallegos (1863-2013). O título está tomado dun verso da propia Rosalía (Follas novas) que recorda tempos da súa xuventude, botando de menos as cancións e a música que empezaban a apagarse no seu periplo vital. Sendo moi nova, escribira Cantares e como  música volve tratalos este libro ben singular polo arrequecemento e orixinalidade do contido.

O poemario, en palabras de Ramón Villares, “carece do oportuno libreto musical, malia a constante invocación ao canto, como aparece xa no seu primeiro poema”. Con vocación de suplir esa ausencia, nace o proxecto que aquí presentamos. O texto empregado é a segunda edición do libro, única reedición da obra de Rosalía en vida (Madrid, 1872, edición corrixida e aumentada).

Desde a institución promotora, baixo a coordinación de Maximino Zumalave que tanto compromiso persoal ten con Rosalía, unha vintena de músicos –tres mulleres e dezasete homes-, membros da Asociación Galega de Compositores, foron convidados a crear unha pequena obra sobre cada un dos trinta e seis poemas. Fáiselles a proposta de que  que traballen con nove instrumentos (violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, oboe, clarinete, fagot e trompa), aínda que poidan prescindir dalgún, segundo preferencia ou esixencia da creación. O resultado é unha resposta de diversos enfoques compositivos como se corresponde coa variedade de idades e estéticas dos autores, así como das súas distintas procedencias xeográficas.

Cabe destacar que non son músicas para constituír cancións ao uso completando un texto, feito que se ten desevolto con éxito sobre moitas pezas líricas da Cantora. Son partituras inspiradas na atmosfera que a lectura de cada poema produce en cada compositor. Non tiven a sorte de telos escoitado e ben que o lamento. Coas miñas posibilidades lectoras da notación musical, que por forza teñen que ser limitadas, vin nestas partituras un rico símbolo sonoro do libro fundacional da nosa literatura contemporánea ao que a autora dispensou un título unido á antiga arte poética aínda que non coñecese o labor dos trovadores.

Publicado en El Correo Gallego, 09-08-13