MALAS HORAS

 

 

 

A trinta e catro quilómetros do fatídico sinistro do 24X, pasei parte da noite tratando de axudar a través das redes, transmitindo peticións médicas e humanitarias para socorrer as vítimas que se descubrían en Angrois. En Twitter atopara moi cedo a primeira referencia ao suceso. “Un AVE descarrila nas proximidades de Santiago”. Dubidas de se hai AVE ou non a Galicia, aínda que como tal fora propagandeado. Logo din que non é alta velocidade senón velocidade alta –disquisición verbal ao parecer oportuna- que non ten a debida seguridade porque a vía é para un tren que non circula por ela.

Nalgúns momentos ía deixando opinións precipitadas como os feitos. “Cando se compra un billete de tren de alta velocidade, confiando nun transporte seguro, non se pensa que vai ir conducido por un superhome ou unha supermuller, senón que ten engadidos medios correctores dalgún posible fallo”. E outra, da que se fixo eco algún medio dixital: “Cómpre facer referencia a que os traballadores e traballadoras que están dando o calo, que abandonaron as casas e as vacacións para atender aos sufridores deste drama, son funcionarios na súa peor época. E que os hospitais que están facendo fronte son públicos. Se non entendemos hoxe o que isto significa, non o entenderemos nunca”. Tamén recoñecía o valor, en momentos tan tráxicos, dos habitantes de Angrois, que coprotagonizaban a noite coas vítimas acudíndolles, e dos doantes.

Vaise coñecendo o alcance do accidente noite arriba. Aumenta o número de vitimas visibles e previsibles, pero chegou un momento no que tiven que abandonar por empatía cos feridos e familiares. As bágoas non me deixaban ver as letras. Xa acabou o loito oficial, aínda que a dor tardará en se esvaecer e para moitas persoas xa non se irá. Abríronse as caixas negras e empeza a coñecerse que pasou. Nas nosas mans só queda esixir que se investiguen as causas de forma exhaustiva para que non volva suceder. E maldicir as malas horas que se anticiparon ao desastre. A do maquinista que nun despiste provoca o descarrilamento. A de quen lle fai unha chamada profesional que propicia este despiste. A de quen se decidiu a meter no trazado unha volta perigosa como a de Grandeira. E a de quen ordenou de meter un tren de velocidade alta nunha vía que parece non estar debidamente preparada para el senón para outro. Moi malas horas.

 Publicado en El Correo Gallego

 

 

 

Advertisements