AQUELES DOCES CANTARES

 


Aqueles doces cantares. Unha ofrenda musical a Rosalía de Castro, ven de ser publicado polo Consello da Cultura Galega como unha aportación máis ás actividades que a institución desenvolveu hogano para conmemorar os 150 anos de Cantares gallegos (1863-2013). O título está tomado dun verso da propia Rosalía (Follas novas) que recorda tempos da súa xuventude, botando de menos as cancións e a música que empezaban a apagarse no seu periplo vital. Sendo moi nova, escribira Cantares e como  música volve tratalos este libro ben singular polo arrequecemento e orixinalidade do contido.

O poemario, en palabras de Ramón Villares, “carece do oportuno libreto musical, malia a constante invocación ao canto, como aparece xa no seu primeiro poema”. Con vocación de suplir esa ausencia, nace o proxecto que aquí presentamos. O texto empregado é a segunda edición do libro, única reedición da obra de Rosalía en vida (Madrid, 1872, edición corrixida e aumentada).

Desde a institución promotora, baixo a coordinación de Maximino Zumalave que tanto compromiso persoal ten con Rosalía, unha vintena de músicos –tres mulleres e dezasete homes-, membros da Asociación Galega de Compositores, foron convidados a crear unha pequena obra sobre cada un dos trinta e seis poemas. Fáiselles a proposta de que  que traballen con nove instrumentos (violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, oboe, clarinete, fagot e trompa), aínda que poidan prescindir dalgún, segundo preferencia ou esixencia da creación. O resultado é unha resposta de diversos enfoques compositivos como se corresponde coa variedade de idades e estéticas dos autores, así como das súas distintas procedencias xeográficas.

Cabe destacar que non son músicas para constituír cancións ao uso completando un texto, feito que se ten desevolto con éxito sobre moitas pezas líricas da Cantora. Son partituras inspiradas na atmosfera que a lectura de cada poema produce en cada compositor. Non tiven a sorte de telos escoitado e ben que o lamento. Coas miñas posibilidades lectoras da notación musical, que por forza teñen que ser limitadas, vin nestas partituras un rico símbolo sonoro do libro fundacional da nosa literatura contemporánea ao que a autora dispensou un título unido á antiga arte poética aínda que non coñecese o labor dos trovadores.

Publicado en El Correo Gallego, 09-08-13

 

Advertisements