¿QUE APLAUDÍAN?

 

 

Como sobriña dun rapaz apresado no concello de Becerreá e executado no de Láncara, limítrofes co de Baralla, en agosto de 1936, gustaríame saber que aplaudía a veciñanza o día do pleno para pedir o cesamento do alcalde da vila por unhas palabras ofensivas para as vítimas do franquismo, cando o viron saír vitorioso cos votos dos seus compañeiros de partido.

A xente do concello que se chamou Neira de Xusá e hoxe Baralla non é peor nin mellor que a doutros. Estou convencida de que verían mal calquera crime levado a cabo así porque si e aínda peor se o morto tivese 17 anos, o fosen sacar da casa en compañía dun curmán e cuñado, alcalde da súa vila, para os mataren sen causa nin xuízo e desfacérense dos cadáveres. Estou segura de que é xente  moi mirada cos mortos, como toda Galicia. Cumpre co rito herdado de os enterrar en cemiterio co nome, e palabras de recordo e promesa de non os esquecer nas súas lápidas. Seinos capaces de comprender o que podemos sentir as persoas que temos familiares perdidos porque os asasinos nolos esconderon baixo a terra e o olvido, sen sabermos onde ir colcarlles flores nin rezarlles unha oración ou un responso. É seguro que a maioría destes veciños son persoas de bo corazón, incluso crentes que rezan polo descanso dos seus.

A veciñanza das parroquias do concello lamentarán as mortes violentas e é moi posible que se lles teñan vido as bágoas aos ollos cando coñecían accións de bandas terroristas con resultado de morte e terían pedido o endurecemento das penas para os viles asasinos que obraban por ideoloxía. Estou máis que convencida de que nunca se lles ocorreu que algunha razón terían para matar así. Porque, se se lles pasase pola cabeza, teríanse conceptuados a eles mesmos mala xente e serían mal vistos pola veciñanza que, de llo escoitar a alguén, teríano deostado con acaloramento en defensa da vida arrebatada por capricho, por pensar doutra maneira ou por pasar por alí.

Por iso non sei que aplaudían nin se sabían para que estaban no consistorio. Non era un asunto de vencedores e vencidos en defensa dunha actuación de goberno dun alcalde ao que lle deron carta branca para os gobernar como lle pareza. Era a reprobación dunha acción persoal, irresponsable e antidemocrática dun alcalde que ata choca cos costumes apuntados máis arriba. Por iso me gustaría saber a que lle aplaudían esa mañá.      

Publicado en El Correo Gallego (30-08-13)

Advertisements