MEU QUERIDO SETEMBRO

 

 

Nel nacín, nel casei e nel fun nai. É o mes que me agasalla coa señardade de recordar non sei que que está perdido, quizabes as badaladas da novena do Santo que xa marcaban a caída do sol riba do outono.

Setembro engadiulle á miña vida unha forza que, de non vir, eu sería outra. E gústame a que son, aínda que posiblmente me gustara tamén doutras maneiras.

A piques de cumprir os catorce anos decidín estudar. Trouxen a aspiración na cesta do pan sobre a cabeza desde o Forno da Feira ao barrio de Letrún. Meus pais aceptárona e eu puxen o meu esforzo en ser o que daban os posibles: mestra. Logo a licenciatura, xa cos meus cartos, e o diploma francés da Escola de Idiomas.

Non puido ser o canto a vocación, pero foino o ensino. E, contra o refrán, o hábito fixo a monxa. En lugar do canto veu a poesía, que traía da man toda a ourivesaría das palabras.

Meu querido setembro, sexas benvido co teu sol –e tamén xa co meu sol- caendo sobre o outono.

 

Advertisements