CARA A ESCOLA URBANA

 

O día 2 de setembro de 1975, tomaba posesión no Concello de Ferrol dunha praza no “Colexio Público Reis Católicos”, no barrio de Canido. Era a saída do mundo rural en virtude dun concurso de traslados para localidades de máis de dez mil habitantes ao que se podía acceder desde unha licenciatura.

Miña nai puxérase seria para considerarmos as dúas se eu debía saír mundo adiante ou quedar definitivamente na casa. A súa xenerosidade nunca tivo límites e eu fíxenlle caso. A primeira tentativa foi moi frustrante. No concurso de traslados de 1974 adxudicáranme unha praza no “Colexio Público Dr. Fleming” (Vigo) e na toma de posesión birlouma unha señora da Sección Feminina que apareceu por alí. No de 1975 solicitara Santiago, Ferrol e Valladolid -¡que se me perdería a min en Valladolid!-, por esta orde. No mes de agosto, xa cunha voda sorpresa preparada para o cinco de setembro, souben que iría para Ferrol. Cando menos era Galicia, aínda que o que sería  meu home traballaba en Santiago.

No “Reis Católicos” fun adscrita á Segunda Etapa de E.X.B. para impartir as Humanidades en 6º e 7º, dúas aulas femininas instaladas nuns barracóns no patio. Os rapaces tiñan as súas cerca do peirao. Había outra profesora de Ciencias e, como particularidade ben singular, cambiábanse as alumnas de aula para as clases e non nós.

No curso 1975-76 Ferrol era un fervedoiro de protestas e conflitos polas mortes dos sindicalistas da Bazán, Amador e Daniel, abatidos a tiros. Moitas alumnas tiñan familiares comprometidos na loita daquel barrio obreiro e concienciado. Nas clases de Historia xurdían debates sobre a situación do barrio e do país. Aquelas alumnas sabían pensar e eu non lles cortaría as ás. Pero volvía con medo para a habitación alugada na Rúa do Sol pensando todos os días nunha reprimenda policial que, afortunadamente, non se chegou a producir.  

Ese curso entrei en contacto con Engracia Vidal, monxa comprometida co barrio que vivía na Rúa da Insua. Ela  traía na cabeza o proxecto da revista Encrucillada e eu tamén levei axiña no meu ventre á que resultaría ser María do Cebreiro. Fixémonos moi amigas e, por ela, coñecín tamén os curas que seguían o Concilio e traballaban por outra Igrexa, un descubrimento decisivo para a evolución das miñas crenzas relixiosas.

Foi tamén neste curso, ao amparo da Lei Villar Palasí -que permitía o ensino voluntario fóra de horario e totalmente altruísta da lingua galega- cando entrei en contacto co ensino e aprendizaxe do estándar da miña lingua. Acabadas as clases regradas, quedaba na aula á que acudían a case totalidade das alumnas para unha “hora galega” a maiores. Este encontro académico co idioma menosprezado pola sociedade culminou a miña entrega á causa de Galicia.

Ferrol fíxome forte. Saíra da casa de meus pais. Casara e tiña que vivir separada durante a semana do meu home. Estaba embarazada e soa. E alí me tocou vivir a morte do ditador e os medos que lle seguiron. Todo xunto foi unha gran proba de auténtica madurez. Tiven tamén que enfrontarme a resolver o primeiro problema profesional buscando unha solición ben difícil: como sancionar a unha alumna que lle pasara a outra o exame feito. A primeira reacción foi suspender as dúas, pero a súa nai non admitía o suspenso por deixar copiar xa que consideraba que a materia do exame si a sabía. Nunca se me presentara aínda a ocasión de ser negociadora nun conflito no que había parte de razón en todas as partes. Pódese dicir que foi ese ano cando empecei a cultivar a axilidade da man esquerda, o que hoxe lle chaman “ter cintura”. O caso é que entre as tres implicadas –a que copiara ben suspensa estaba- buscamos unha solución satisfactoria e reparadora a un tempo.

Polo mes de maio convocárase un concurso de méritos para cubrir algunha praza no Colexio Pedro Barrié de la Maza (Sada), que tiña un réxime de provisión especial. Todas aspirábamos a traballar nel, pois era unha saída estupenda para a profesión. Eu quixen ser aspirante e ninguén dubidaba que levaría unha praza.

O requisito previo e fundamental para o concurso de méritos era un informe positivo da Inspección e fun falar coa inspectora da zona. Veu facer unha visita, falou coa directora, que o era por oposición, e seica marchou encantada do meu traballo. Díxomo directamente e nunca tanto se me piropeou o meu traballo. “Por eso la necesito aquí y no puedo dejarla marchar”.

E alí quedei moi enrabexada pola inxustiza de non ter aquel informe, porque alguén me prexudicara daquel xeito en nome da miña valía e bo facer. Pero, cando chegou xuño, pedín o permiso de maternidade que me correspondía. E volvín para Santiago a esperar o nacemento da primeira criatura que iamos ter.

Advertisements

2 opinións sobre “CARA A ESCOLA URBANA

  1. E moi gratificante leer a sua historia…..
    inquedanzas de nenas sen problemas de persoas adultas
    mais e certo que algunhas eramos moi observadoras
    e sabiamos de seu nervosismo, intuiamos que algo a perturbava.
    Eu foi a primeira vez que atopie unha muller que sabia
    moitos idiomas incluso o ARABE escritura de izquerda a dereita,
    escoitar o Frances saindo da sua boca era simpatico…..( reaccion de escoitar un idioma
    novo por primeira vez)… Seguirei outro día Chaman-me

    Gústame

Os comentarios están pechados.