SALVAR ARTE GALEGA

 

 

Se no aspecto musical, ao meu ver, non demos tido artistas que trasladasen á súa creación a extraordinaria riqueza da música popular galega, como xi fixeron grandes músicos doutras nacionalidades europeas, tanto na expresión literaria como nas  chamadas belas artes si temos autores de relevancia que deixaron –e crean hoxe- un legado cultural importantísimo. A pintura é unha boa mostra desa potencialidade creadora do noso pobo expresada por artistas que souberon engadir o seu selo persoal ás  características dos distintos movementos da arte en diálogo coa pintura universal.

Ter unha colección de arte plástica na que se vexan representados os nosos grandes coas obras máis significativas e estea a disposición do seu pobo é un luxo para un país como Galicia, frondoso en imaxinación e diversidade. Pois tiñámola e témola, aínda que non se sabe por canto tempo, se a deusa fortuna non nola ampara. Xuntárona, a través dos anos e co esforzó aforrador das galegas e os galegos, as antigas Caixas que se fundiron en NovaGaliciaBanco por esas decisión non do destino senón de diferentes cambalaches. Foi así como quedou tamén unificada a colección dunhas seis mil pezas –a grande maioría galegas- valorada pola compañía de seguros en cento dezaseis millóns de euros.

Coa sorte do banco, o rico patrimonio artístico está en risco de marchar do noso país e de ser fragmentado co que  se desfaría un referente estrutural da arte galega do século XX que representa, como ningunha outra, a historia do noso pobo. Cómpre que a colección siga sendo única e quede definitivamente no territorio, para o que necesita protección. Para iso se recolleron durante un mes sinaturas a través da www.change.org solicitando que a Xunta de Galicia a declare BIC (ben de interese cultural), ao abeiro do establecido na Lei 8/ 1995, de 30 de outubro, de Patrimonio Cultural da Comunidade Autónoma de Galicia, coa petición engadida de que sexa trasladada á Cidade da Cultura para a súa exposición permanente.

A proposta, coordinada polo arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, tivo unha estupenda acollida. Cando se presentou este pasado luns dous de setembro na xanela única do Concello de Rianxo –en honra a Castelao, que ten numerosa obra na colección- xa estaba asinada por mil trescentas trinta persoas relevantes no mundo cultural de noso.

 

.  

 

 

Advertisements