AS MARIQUITAS

 

A nena erguérase un día de entre un montón de trapos de recortes e puxérase a andar ata chegar á porta. Así lle contaban a mamá e o papá que aprenderá a andar, ela soa. Tamén lle contaban que tivera a sarna moi pequena. Pegáranlla os soldados cando o exército lles requisou a xastrería para traballaren para a tropa, de descanso na vila. A nena criouse na xastrería entre recortes, tecidos, botóns, fíos, fiañas, máquinas de coser, carretes e bobinas. Por iso aprendeu a coser moi axiña: pasar fíos, ganduxar, sacar hilváns co corno do corzo. E despois, botóns e forros.

Os días da feira –3 e 19- poñíase nun recantiño, con seu irmán máis pequeno ao lado, e amañaba algunha cousa que traía un cliente: poñer un botón, coser un peto que lle arrincara a corna dun xato, prender un baixo que se soltara… O papá non cobraba por ese traballo e mandáballo facer a ela, que xa sabía. O cliente deixáballe unha pequena propina que gardaba nunha caixa. Cando acababa a feira, contaban os dous a ver canto tiñan.

Tamén gañaba propinas entregando traxes pola vila. Era bonito levalos no brazo esquerdo. Ela estendíao  e o papá ía colocando o pantalón pola metade, o chaleco pregado e metido polas sisas,  e a chaqueta tamén pola metade dobrada coa dianteira cara dentro para que non se engurrasen os ombreiros. A nena chegaba ás casas e a maioría dos clientes metían a man no peto e dábanlle a calderilla que atopaban e ata algunha peseta de papel.

Todo o diñeiro era para os dous e gastábano en alugar tebeos na librería “Pahe”, a de D. Ramón. Traían os tebeos e subíanos ler ao faiado. Gustábanlles sobre todo as historietas de “La familia Ulises”: D. Ulises Higueruelo, Dª Sinforosa (a muller), Lolín, Merceditas e Policarpito (os fillos), Dª Filomena (a sogra) e o can Treski.

Tamén lles gustaban as mariquitas que se vendían no mesmo sitio. Traíanas unha de cada vez, cando viñan novas, que ben chegaba. A nena recortaba a boneca e a roupa con tino de non romper os enganches para poñerlla. E despois xogaban a vestilas de todas as formas. ¡Que xogo tan bonito! Cando as recollían, gardábanas en cadanseu sobre de cartas que viñas de Buenos Aires para que non se lles mesturasen as roupas.

Algo máis tarde, a nena entrou en contacto coas lecturas piadosas que lle proporcionaba a muller da tenda dos fíos, os botóns e as puntillas, que era moi rezadora. Así foi como a puxo en contacto coa vida exemplar de nenas e nenos santos. E a nena lía e relía con moito interese antes de lle volver cada libro para ver de ser santa ela tamén, cousa que lle parecía moi difícil.

No fondo da súa memoria quedarían gardadas para sempre as fazañas virtuosas de Xusto e Pastor (así xuntiños), Tarsicio, María Goretti e a beata Imelda.

 

Advertisements