NA ILLA DO AMOR E A MORTE

 

 

Non debe haber moitos espazos no mundo tan acoutados e de pouca extensión que sexan símbolo do amor e da morte ao mesmo tempo. O lugar –fermosísimo, como unha flor aberta riba do mar- é a illa de San Simón –hoxe unida á de San Antón por unha ponte-, escenario da lírica amorosa medieval no único poema conservado de Mendiño. “Sedia-m’eu na ermida de San Simion/ e cercaron-mi as ondas, que grandes son:/ eu atendend’o meu amigo,/ eu atendend’o meu amigo!”.

Na propia cantiga de Mendiño está implícita, dalgún xeito, a presenza  do eros e tánatos clásicos, do amor en espera frustrada do amigo e a morte sen violencia no mar maior antes de chegar a barca e o barqueiro. Evidentemente é unha morte por amor na espera, sobranceando sempre o significado simbólico das cantigas de amigo que van facendo unha narración  paralela á realidade amorosa en linguaxe metafórica. Por esta cantiga, pode ser considerada á illa da poesía amorosa. Na primavera de 1982,  un grupo de poetas e escritores, mulleres e homes, convocados polo profesor Alonso Montero, celebramos alí a primeira xuntanza literaria arredor de Mendiño. Desde 1998 ten un monumento cos outros poetas medievais do mar de Vigo, Xoán de Cangas e Martín Códax.

Máis alá desta dualidade clásica xémea, elaborada por por Froid nos seus estudos como explicación ao comportamento humano, San Simón é tamén unha representación da morte con sufrimento físico e moral, da morte tráxica proporcionada polo odio e a destrución. Foi escenario de saqueos e confrontacións en varios conflitos bélicos ao longo da historia –mesmo tivo o seu papel nas revoltas irmandiñas-. Pero a partir de 1936, albergou un campo de concentración de presos galegos e, ao acabar a guerra civil, doutros chegados de máis lonxe. O de San Simón foi considerado un dos centros penitenciarios máis temibles do franquismo e na illa eran frecuentes os fusilamentos. Por esta traxedia foi declarada centro de recuperación da memoria histórica. E alí celébranse anualmente actos en memoria da vítimas.

Hoxe é “A Illa do pensamento”, centro de produción, reflexión e creación cultural. E outravolta terá lugar mañá sábado, ás seis da tarde, o acto literario-musical “Lembrando a Mendiño. Lírica medieval amorosa na Illa de San Simón”, que organizan a Consellería de Educación e Cultura, e o Concello de Redondela.

Publicado en El Correo Gallego, 13-09-13

Advertisements