NO PAZO DE SABADELLE

Galicia ten grandes posibilidades de desenvolver economías alternativas potenciando o rendemento do mundo rural, que tan ben a representa. Os últimos días deste verán tiven ocasión de ver algo que me reafirma nesta teima de louvar a diversificación das actividades agrícolas apartándoas da rotina e do patrón destrutivo da paisaxe e da terra. Foi nunha visita á Granxa Familiar Ecolóxica “Pazo de Sabadelle”, nunha pequena aldea agrícola de douscentos veciños do concello de Chantada. Articúlase arredor dun pazo que ten as orixes no século XIII. Recíbenos co encanto dun espazo nobre habitado, con lugar para os animais, como na súa época de esplendor. Un pazo no que se desenvolve a vida rural cos principios de respecto ao medio ambiente como se facía tamén nos tempos idos. Daquela era normal producir así. Hoxe temos que lle engadir a tal actividade agrogandeira o adxectivo “ecolóxica”.

Esta granxa singular recibiu o “Premio Alimentos de España a la Distribución y Comercio Alimentario” do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
na súa XXIV Edición. Outórgase a establecementos de distribución minorista de alimentos e novas canles de comercialización no mercado interior e exterior. A granxa ten xa unha variada e fiel clientela tanto no seu lugar como a través da venda on line dos moitos produtos que constitúen unha tentación gastronómica.  Ademais, recibe visitas de grupo –maioritariamente escolares- que se poñen en contacto con animais,   plantas,   procesos de elaboración de materias primas, e mesmo  actividades artísticas e inxeniosas adaptadas ao persoal.

A produción ecolóxica de carne de becerro, año e capón, canda os embutidos tradicionais da primeira das viandas. Os cultivos da horta como leitugas, cebolas e remolachas. Os froitos secos. A adega e a elaboración de licores de froitas e froitos variados en augardente. A conservación de froitas en  marmeladas e carnes. A  elaboración da máis deliciosa pastelería. Todo ten interese.

Na granxa fanse catas de alimentos preparados polos anfitrións nun marco privilexiado. As carnes, con froitas en augardente cubertas de chocolate negro, son unha delicia. Sono tamén os produtos da matanza e os vexetais. Como signo de autenticidade na recuperación integral, falan a lingua de Galicia. E isto hoxe é sinal de calidade.

Publicado en El Corrego Gallego (27-09-13)

Advertisements