ZERAMIKS

No Auditorio do Concello de Rianxo está aberta unha exposición de escultura de pequeno formato do artista Fran Lareo, creador que conta con numerosas mostras individuais e colectivas, tamén fóra do país. Zeramiks consta de vinte pezas que non son cerámica nin polo material nin polo proceso, pero o autor parece xogar cun título que evoca a vella artesanía dos oleiros.

Fran Lareo é un escultor de vocación sen  estudos artísticos previos –a súa aprendizaxe regrada é de informática- que soubo buscar camiños de expresión nos materiais susceptibles de recibiren formas e colores. Traballa no seu taller-laboratorio de Brion cun material complexo, mestura de granito moído, area e calizas cos que consegue unha pedra artificial á que lle dá forma e acabados cromáticos de marcada orixinalidade.

Coa súa dedicación, conseguiu expresar formas abstractas, formas simbólicas e aínda conseguir logros figurativos como as representacións de Castelao e Rosalía que adxuntou a esta exposición en homenaxe aos dous galegos universais.  A construción de toda as súas pezas comeza, pois, coa preparación dese material único co que modela a idea inicial. Logo faille retoque de talla con ferramentas que constrúe a partir de aparellos convencionais,  como un desaparafusador que pode facer de punteiro ou de cicel. E finalmemente, cuberta con color branca o co ton natural que tira a ocre, complétaa con debuxos en policromía que engaden valor estético a cada peza, completando a idea da forma ou adornándoa con achados sorprendentes. Finalmente, as estatuíñas reciben unha cobertura de verniz.

Combinando con habelencia a forma, o volume, a textura pétrea, o acabado e a pintura sobreposta de acrílicos, Fran Lareo consegue pezas únicas creadas sen molde, deseñadas con esquemas, nalgúns casos debuxos dixitais que permiten imaxinar a futura obra nas súas tres dimensións. Segundo el mesmo, aínda tendo que facer máis exemplares das representacións de Castelao ou Rosalía, seguiría a crear pezas únicas porque ningunha sería igual a outra, a pesar de tratar o mesmo tema con idéntico material.

Di que non está seguro de se é deseñador, artesán, artesán-creativo ou artista. Eu estou convencida de que Fran Lareo é un artista porque engade a cada manifestación creativa un selo persoal que a fai única. Esta exposición así o demostra.

Advertisements