ESCALEIRAS

 

Oín falar desde nena da costa de xaneiro. Non sabía daquela que era unha metáfora da  estreitura económica difícil de superar e na miña inconsciencia quedou substituída a representación da costa por unha escaleira, coa que me parecía máis doada de subir.

Empecei así a ver os meses como escaleiras repartidas en tres treitos de dez días co último lixeiramente variable. E así os sigo vendo. O primeiro tramo arranca cara a dereita, o segundo é vertical e o terceiro volve á esquerda para quedar fronte ao inicio do primeiro. Había que resolver a unión do final de un co principio do seguinte e non decidín se era pegando un chimpo no último minuto xa que a escaleira non era moi empinada, baixando os pousos a saltos ou sentándose na baranda para o esvarón.

Porque hai que baixalas. As escaleiras non foron pensadas só para subir, senón que tamén serven para nos volver a rentes do chan. Os que tenden aos tópicazos din dos galegos que non se sabe se as subimos ou baixamos. Iso é por non mirar. A confusión só sería posibles cos pés atravesados e en stand by e o movemento así é imposible.

As escaleiras están onde hai que transitar un desnivel. Son tan variadas que non hai maneira de as clasificar. Dependen dos materiais, da forma, do lugar de paso, dos cartos de quen as fai, dos gustos, dos deseños, dos ambientes, dos espazos, da estética, da moda… E aínda poida que estean ao aire libre ou a cuberto, mostrarse monumentais ou rudimentarias, testemuñar riqueza e clase social ou simplemente ser utilitarias. Pense Vde. en calquera escena e verá que doado é poñerlle ao lado unha escaleira.

Ando a tomar imaxes de escaleiras para unha colección. Sacarlle gusto a unha colección de imaxes é converte a nosa mirada en escrava. ¡Unha loucura!

Advertisements