A LINGUA E OS CANS

 

Non sei cal é a lingua dos cans. Segundo Castelao, naquel memorable discurso nas Cortes, todos os cans do mundo ouvean igual porque aínda están no estadio da lingua universal. Non serei eu quen lle leve a contra ao pensador e mais cando é un feito comprobable. Pero pode ser que, tendo unha lingua de ladro universal, algúns só posúan habelencia para entender unha lingua articulada, que entre nós viría sendo o castelán, lingua que sempre foi tida como fina.

Os cans de sempre, os que andan polo eixido da casa comendo os restos do que sobra  e dando a xente que vai polo camiño, teñen moi poucas conversas cos seus amos, que adoitan falarlles en galego. Pero en tanto que o vello amigo da xente adquire un estatus urbano ou vilego, se pon a vivir nun piso, o alimentan con comida ben equilibrada por dietistas, se lle dan paseos con quilometraxe regulada e ten trato de adopción, o asunto poida que varíe. E non faría máis que seguir o proceso de cambio idiomático escolleito pola maioría da xente cando renunciou ao seu.

Creo terlles contado que é habitual ver nas praias a señoras que, falando galego con habitualidade, cambian de idioma cando se dirixen ao can tratándoo como a un meniño. Segundo unha teoría non descrita, instalouse no incosciente colectivo do país o principio de que ás criaturas non se lles debe falar galego para non lles prexudicar o seu futuro. Este cambio idiomádito é constatable nos poucos medios audiovisuais do país que falan a lingua propia e directamente en xuntanzas de persoas maiores onde hai tamén criaturas e se dirixiren a elas.

Agora querería facelos partícipes dun feito que me sorprendeu aínda máis. Onte presenciei nun descanso de escaleira compostelana, desde unha oficina aberta, como unha nai, un pai e un meniño subían co seu carro de paseo e el a pé. Os tres se expresaban en galego normativizado. A parella íao avisando de que, coa súa excesiva demora en pasar os pousos, estaba amolando a outras persoas que viñan atrás aturando aquilo con moita paciencia. É unha mafnífica noticia que unha parella nova e urbana cun meniño a quen chamaban Brais teña un comportamento comunicativo normal: falar a lingua propia do seu país e os tres a mesma. Pero todo cambiou en canto abriron a porta e saudaron o can, que quedara dentro. Daquela, como as señoras da praia, dirixíronse a el na lingua de Cervantes. Abofé.

 Publicado en El Correo Gallego (19-10-13)

 

 

 

Advertisements