ZERAMIKS

No Auditorio do Concello de Rianxo está aberta unha exposición de escultura de pequeno formato do artista Fran Lareo, creador que conta con numerosas mostras individuais e colectivas, tamén fóra do país. Zeramiks consta de vinte pezas que non son cerámica nin polo material nin polo proceso, pero o autor parece xogar cun título que evoca a vella artesanía dos oleiros.

Fran Lareo é un escultor de vocación sen  estudos artísticos previos –a súa aprendizaxe regrada é de informática- que soubo buscar camiños de expresión nos materiais susceptibles de recibiren formas e colores. Traballa no seu taller-laboratorio de Brion cun material complexo, mestura de granito moído, area e calizas cos que consegue unha pedra artificial á que lle dá forma e acabados cromáticos de marcada orixinalidade.

Coa súa dedicación, conseguiu expresar formas abstractas, formas simbólicas e aínda conseguir logros figurativos como as representacións de Castelao e Rosalía que adxuntou a esta exposición en homenaxe aos dous galegos universais.  A construción de toda as súas pezas comeza, pois, coa preparación dese material único co que modela a idea inicial. Logo faille retoque de talla con ferramentas que constrúe a partir de aparellos convencionais,  como un desaparafusador que pode facer de punteiro ou de cicel. E finalmemente, cuberta con color branca o co ton natural que tira a ocre, complétaa con debuxos en policromía que engaden valor estético a cada peza, completando a idea da forma ou adornándoa con achados sorprendentes. Finalmente, as estatuíñas reciben unha cobertura de verniz.

Combinando con habelencia a forma, o volume, a textura pétrea, o acabado e a pintura sobreposta de acrílicos, Fran Lareo consegue pezas únicas creadas sen molde, deseñadas con esquemas, nalgúns casos debuxos dixitais que permiten imaxinar a futura obra nas súas tres dimensións. Segundo el mesmo, aínda tendo que facer máis exemplares das representacións de Castelao ou Rosalía, seguiría a crear pezas únicas porque ningunha sería igual a outra, a pesar de tratar o mesmo tema con idéntico material.

Di que non está seguro de se é deseñador, artesán, artesán-creativo ou artista. Eu estou convencida de que Fran Lareo é un artista porque engade a cada manifestación creativa un selo persoal que a fai única. Esta exposición así o demostra.

Advertisements

30 ANOS DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

 

O pasado 27 de setembro, o Consello da Cultura Galega conmemorou os 30 anos da súa creación. Cómpre darlle parabéns a unha institución singular na realidade autonómica española, propiciadada polos galeguistas que pretendían protexer a cultura propia dentro e fóra das nosas fronteiras. Nestes trinta anos, o CCG ampliou aquela visión  proteccionista e colaborou a que se ampliaran os horizontes do que viñamos entendendo por cultura galega desenvolvendo  unha serie de actividades de divulgación, integración e cooperación con outras institucións de noso e do mundo que o converteron en embaixador da nosa cultura.

Para a efeméride, organizou un acto na súa sede do Pazo de Raxoi no que, ademais de se proxectar un audivisual explicativo dos traballos das súas unidades organizativas –Pleno, Comisión Executiva, Seccións, Comisións Técnicas e Arquivos- tomaron o uso da palabra persoas vencelladas ao seu Plenario, así como o seu presidente, D. Ramón Villares, e o Presidente de Honra, que é o presidente da Xunta de Galicia.

Tiven a sorte de ser unha representante dos exmembros do Plenario, por formar parte del durante sete anos en representación da Fundación Rosalía de Castro. Puiden agradecer a confianza en min depositada cando se me incluíu nas Comisións Técnicas que se ocuparon do Borrador da Lei do Panteón de Galicia, do Ditame sobre o Decreto de Plurilingüísmo e do Informe sobre as Fundacións Culturais, documentos todos non vinculantes para o poder, porque o CCG ten un papel meramente consultivo como se desprende do seu nome. Nestes e noutros traballos alí desenvolvidos tomei contacto con novas realidades que me permitiron unha visión máis completa do meu país e tiven a satisfacción de me ter atopado cun ambiente de traballo do que sobranceo a cordialidade e a xenerosidade das persoas por encima das ideas que lexitimamente posúen e defenden os compoñentes dunha institución de procedencia tan variada como esta.

O Consello da Cultura demostrou tamén o seu interese na igualdade entre xéneros, non só porque creou unha Comisión que se ocupa dela, senón porque foi propiciando en grao considerable a inclusión de mulleres no seu Plenario e dándolles postos de tanta responsabilidade como a vicepresidencia que ostenta a profesora e académica Dª. Rosario Álvarez Blanco.

Publicado en El Correo Gallego (29-08-13