O PASEO DOS SOÑOS

VALDI EXPLICANDO A SÚA OBRA

No Muíño do Rañego de Vilalba, reconstruído e habilitado como casa de cultura, desenvólvense ao longo do ano varios actos. Un é anual e está pormovido por iniciativa de Asociación Xermolos e Irmandade Manuel María para celebrar a obra de creadores e creadoras que, por nacemento ou vocación, están vencellados á Terra Chá. Nun edificio moi ben recuperado, con amplitude para un salón de actos na segunda planta, organizan  unha táboa redonda con especialistas que achegan semblanzas e valoracións das persoas homenaxeadas e da súa obra. Ao finalizar, os asistentes percorren o Paseo dos Soños á beira do río Madalena, vertebrador dunha das paisaxes máis engaiolantes que pode desenvolverse arredor dun río canso que parece un espello. Ao longo deste paseo fluvial, moi frecuentado, van colocando, hectómetro a hectómetro, unha escultura dedicada a cada unha das persoas celebradas ano a ano.

Paco Martín, Manuel María, Xosé Manuel Carballo, Darío Xoán Cabana, Marica Campo e Margarita Ledo tiñan cadanseu Hectómetro Literario que, ademais de seren obras de arte, son representativos das súas respectivas actividade. O número oito, que tocaba colocar este ano, presenta a novidade de que, por primeira vez, está destinado a homenaxear a dúas persoas, Xesús Rábade Paredes, nacido e criado no concello chairego de Cospeito, e eu propia, nada e criada no concello de Becerreá pero unida á Chaira por moitos lazos de amizade desde os estudos de Maxisterio e fundamentalmente desde o noso casamento hai 38 anos.

Este oitavo Hectómetro Literario foi creado por Valdi, autor de cinco das oito esculturas. Nunha prancha de aceiro corten modelada en forma de libro aberto, recórtanse ambas siluetas xuntas e á cada lado aparecen, en letras ocas, tres versos de cada un dos autores. Como símbolo da escritura que os define e tamén da súa profesión de ensinantes, aparecen arriba xuntas e abaixo separadas senllas plumas con tinteiros de época. A través dos ocos vense o pradiño e o río que aportan a súa cor.

Na mesa redonda, presentada e moderada por Xulio Xiz, falaron da obra e dos autores David Otero, Yago Rodríguez Yáñez e o compañeiro poeta cravofondista Xulio López Valcárcel. Posteriormente houbo un xantar con parentes e amigos dos homenaxeados e das institucións convocantes, que teñen a Afonso Blanco como alma mater.

Publicado en El Correo Gallego (01-11-13)

Advertisements