A NENA E AS LINGUAS

BECERREÁ ENSUMIDA NA BRÉTEMA. VISTA DESDE O CALAMOUCO

A nena empezou a falar dúas linguas. O galego co papá e o castelán coa mamá. Ela case non se acorda, porque cando naceu o irmán a mamá desenganouse de que non volvería marchar para Donostia e abandonou o castelán para falar na casa. Só o usaba con algunhas clientas. Era moi boa modista e viña de traballar para Balenciaga, pero as clientas señoritas da vila chamábanlles “batitas” aos vestidos para que lles cobrase pouco.

A nena tivo tamén contacto co castelán na igrexa e na escola. Foi pouco tempo á escola, pero alí había que falar castelán igual que cando na praia en Donostia se tiña que meter na auga. Era algo parecido. Ao pasar a porta do patio de recreo onde Paco da Pereira levaba ás veces as vacas a pacer, entrábase noutra lingua como se entraba na auga, pero de boa gana. Na auga non. A única mentira que recorda ter contado foi o día dixo que lle doía moito a barriga para quedaren na casa mentres os parentes que as acollían  ían á praia da Concha. Os parentes falaban euskera entre eles e a nena non os entendía. A mamá si. Con elas falaban castelán.

En castelán tamén lía. Os libros e os contos estaban en castelán, agás o tomo da Gran Enciclopedia de La Juventud, que estaba noutras dúas linguas. A mamá e o papá sabían que se chaman unha francés e outra inglés, pero nin a nena nin seu irmán sabían cal era cal.

O castelán tamén se oía na radio, que estaba na cociña. O papá só escoitaba a Pirenaica pola noite coa nena ao lado. Daquela, a radio facía moito ruído, ao que o papá lle chamaba chicharra. A nena sabía que non se podía dicir fóra da casa, nin sequera á clientela, que escoitaban esa emisora.

-Non é nada malo –dicía o papá-. Pero non se pode saber que a escoitamos.

Había outra lingua na radio que era moi chocante. Falábana na emisora “Radio Clube Portugués”. Case parecía galego, pero doutra maneira. Naquela emisora oíase Ministro da Facenda. ¡Que risa! Un ministro que ía coa facenda… Ha, ha, ha… E tamén dicían óso… Outra risa, porque así é como lles chamaba aos güesos o criado da casa de Ameixide cando ía á carnicería e todos se rían del…

A nena aínda coñeceu outra lingua aos oitos anos. Chamábase catalán. Falábaa unha nena de Barcelona que coñeceu en Rionaval. Mataran a seus pais na guerra e recollérana aqueles parentes cos que a nena estivo quince días. Joana xa non se acordaba deles, pero tiña un retrato metido nun libro e mirábano todas as noites antes de durmir, que era cando lles daba un bico e lles dicía: “Bona nit”.

Advertisements