OUTONOS PERSOAIS

 

Diciamos ata antonte que quen se preparase ben e levase unha vida honrada de traballo na profesión ou oficio tería asegurado que no outono da vida recollería os ben merecidos froitos. Porque o outono das nosas vidas é dalgún xeito coincidente co outono na xeografía europea, espazo económico e cultural que creu ser o embigo do mundo. Tanta importancia se deu que, a pesar de estarmos unidos a Asia por unha fronteira de milleiros de quilómetros, considerouse un continente á parte. Aquí o outono trae os froitos.

Se antonte diciamos iso, onte vimos que xa é difícil prepararse ben e que custa  encontrar emprego, sobre todo ás persoas máis novas e mellor formadas e ás que se achegan o seu outono como paradas de longa duración. Se Marx soubo considerar a explotación dos traballadores, non chegou a albiscar a posibilidade de que non houbera traballo. Pero o feito aí está e o paro é hoxe a gran lacra da nosa sociedade. Haberá moita xente que entrará tarde no mundo laboral, que terá un historial de traballos-lixo e que lle será ben difícil almacenar eses froitos metafóricos do outono, que non son outros que a ansiada xubilación a unha idade razoable con pensión que permita vivir cando os achaques da saúde aumentan e a dependencia doutras persoas xa hai que pagala como servizo ás veces imprescindible

Posto que os cambios sociais a que me refiro van a gran velocidade, de vertixe, hoxe dicimos que a preparación pode ser un obstáculo na busca de emprego. Se antes se falsificaban os currículos para engadir titulacións relacionadas coa formación principal ou a maiores, hoxe son os titulados universitarios, laureados e con mestrados os que suprimen estes datos para non seren chatados dunha lista selección para labores que non esixen esa prepración específica para a que se formaron e que, para os empregadores, engaden un plus de posible conflitividade de esixencias dos seus dereitos, ben diminuídos tras os recortes que cada vez van deixando máis desvalidos aos traballadores e traballadoras.

Os outonos persoais están pasando a ser cada vez máis desesperanzados en relación coa merecida colleita dos seus froitos para a maioría da xente disposta a traballar e máis doados os cornos da abundancia para a minoría de privilexiados que cada día é máis rica porque, coma os cogomelos, medran sobre a materia social descomposta.  

Publicado en El Correo Gallego (08-11-13)

 

Advertisements