RUANDO RIANXO

 

É ben sabido que no século XX Rianxo tivo a honra de contar entre os seus veciños con catro grandes personalidades creadoras nas letras: Castelao, Manuel Antonio, Rafael Dieste e Faustino Rey Romero. Hai xeografías que propician un clima cultural motivador para que as persoas poidan desenvolverse con máis facilidade ao teren cerca referentes que van marcando camiño.

No século XXI, Rianxo segue a ser unha vila culturalmente activa que estimula en todo o seu territorio. Banda de música, gaiteiros de sona, compositores de renome, coral polifónica, artistas da plástica en todas as manifestacións, escritores, investigadores, grupo de teatro, grupo editorial, actividade deportiva… E non só, que son consciente de que esquecerei algo involuntariamente.

Estas son persoas e grupos moi coñecidos entre a súa paisanía, pero os fotógrafos Xoán Antón Castro Barreiro e Óscar Reboiras Loureiro acaban de sacar á luz un proxecto de máis dun ano de traballo dispostos a mostrar a veciñanza á veciñanza, de facer público o traballo de moitos rianxeiros e rianxeiras, ademais dos que xa teñen sona, que merecen o coñecemento e recoñecemento público segundo a sensata premisa de que os traballos se encadean e que non poderiamos desenvolver as nosas vidas sen o conxunto de todos.

A materialización do proxecto é a exposición Ruando Rianxo, que o Concello acolle no Auditorio da vila desde o día nove deste mes ata o seis de decembro. 53 fotografías unhas en branco e negro, e outras en color mostran a máis doutras tantas persoas –pois varias son colectivos- relacionándoas coa súa ocupación profesional ou vocacional mostrando así toda a variedade de actividades que a sociedade rianxeira desenvolve: artísticas, artesanais, investigadoras, empresariais, deportivas, pesqueiras, agrogandeiras, domésticas, de asistencia familiar a dependentes… Toda unha mostra das dedicacións veciñais acompañadas de cadanseu pé de foto identificativa da persoa e explicativa do seu traballo. Para obter esta información, os autores realizaron entrevistas canda os retraros.

Os fotógrafos din que pretenden recoller a historia de Rianxo vivo para que os veciños e veciñas se coñezan mellor e valoren todas as súas dedicacións. Eu, despois de analizar a exposición, creo que cumpre outro fin importante: a integración social.   

Publicado en El Correo Gallego (15-11-13)

Advertisements