A SORPRESA DO NADAL

Que se achegue o nadal non é sorpresa. Leva vindo moitos séculos tras dun tempo litúrxico chamado advento. E logo, tras dun tempo mercantil, porque as marcas comerciais adiántanselle para tirar beneficio dunha festa que naceu na pobreza dun cortelliño en Belén. Incluso o Estado se anticipa para promover o xogo de azar que move máis diñeiro, a lotería, da que sacaba pasta e agora máis con impostos aos premiados. Crear a ilusión de se volver rico sempre foi produtiva e máis en época de necesidade en moitos fogares. Por iso era de esperar que, mediado novembro, empezase outra vez esa “Campaña de Nadal” que culminaba coa publicidade de Freixenet, ao estilo máis americano do baño de mozas guaas en áureas burbullas de cava.

E empezou, de xeito mainiño, co anuncio da lotería, un canto infantiloide en inglés, que foi a primeira sorpresa. Non é esperable a canción da lotería nacional en lingua que non sexa a nacional. Non casa o espírito da súa defensa acérrima como lingua de todo o territorio coa deixación para o extranxeiro dun asunto de tal audiencia, a non ser que a pedagoxía que inspira as renovacións educativas recomende aproveitar o gran evento loteiro para a inmersión lingüística en inglés, que esta si é boa, nos contextos económicos e de ocio, atmosferas propicias para aprender calquera lingua allea. Mais durou pouco, porque foi sustituída por un spot con todas as característica do gran anuncio que deixa pegada. Unha loa ao Nadal como tempo de harmonía, paz, felicidade e lotería –sen diñeiro é imposible a enumeración anterior-, un spot dirixido polo laureado Pablo Berger cun elenco artístico musical variado e do mellor que pode presentar a marca España: Montserrat Caballé, Raphael, Marta Sánchez, Niña Pastori e Bustamante. E todo ao servizo dunha nobre causa confesada: volver ao espírito primixenio destas datas e conseguir que a melodía fose recoñecida como a nova canción navideña.

E conseguiron case o imposible: os cantantes vólvense caricaturas ante a música melgueira. Produce estupor ver a Caballé xestualizar coa cara, a Bustamente estático, a Pastori e Sánchez aparvadas, e a Raphael intentando colocar lámpadas imaxinarias. Xa é o anuncio máis famoso do Nadal polas parodias e metamorfoses de tan estraño produto. Por suposto, a axencia de publicidade Tactics Europe está encantada.

Publicado en El Correo Gallego (22-11-13)

 

Advertisements