PEDRAS NO CAMIÑO

 Acabamos de conmemorar o Dia Internacional contra a Violencia de Xénero, un dos grandes problemas da humanidade que afecta a todas as clases e países, e non mellora nas xeracións que medrron nun contexto favorable para a o arrincar: educación universal non sexista –iso pensabamos- leis explícitas e institucións para velar polo seu cumprimento. A violencia de xénero hoxe non está amparada por leis que a promovan, sen embargo é a primeira causa de morte en mulleres novas, algo que debe facernos tremer.

A violencia de xénero, que supón un desprezo pola muller considerándoa inferior e  propiedade dos homes próximos –pai ou marido- que a representaban e a lle pretendían administrar ata os sentimentos, tiña a blindaxe nas propias leis e na literatura burocrática. Non podían exercer o sufraxio nin administrar os seus bens. Unha das miñas avoas consta na partida de nacemento do derradeiro fillo adscrita á profesión “dedicada a las labores propias de su sexo”. Ata miña nai, as mulleres da miña estirpe foron analfabetas pero, ata onde podo rastrear nos papeis, os homes estaban minimamente alfabetizados.

Con tales antecedentes, a desigualdade e o dominio-sumisión están tan incrustados na cerna social desde hai tantos séculos que se fan difíciles de erradicar. Cando as avanzadas feministas emprenderon o camiño da conquista da igualdade, feito que moitos homes non saben aínda resolver e hai mulleres que tampouco, eran unha especie de Espartacos contra a escravitude. Hoxe aínda as hai que desexan continuar nela. Contoume a artista Luz Darriba, que o pasado día 25 materializou en Lugo a intervención colectiva “Luz no camiño da igualdade” colocando na praza pedras simbólicas dos atrancos femeninos para camiñar car os dereitos reais, unha causa da violencia de xénero, que había mulleres que protestaban porque a ringleira de pedras lles dificultaba o paso. Advertidas do seu significado, varias daban por ben feitos os ataques a algunhas conxéneres que, segundo a súa opinión, merecen o que lles ocorre.

Como pasa con todas as liberdades, tampouco non poderemos dar a igualdade por conquistada ata que mulleres e homes cheguen á mesma dignidade, aos mesmos dereitos e aos mesmos deberes. Nós teremos que subir algún escalón e eles, apearse dos privilexios, pero seremos gañanciosas ambas partes por igual.

Publicado en El Correo Gallego (29-11-13)

 

 

 

Advertisements