SEGURIDADE CIDADÁ

 

Agás para as persoas dotadas de espírito aventureiro ás que nada lles impón, poucas cousas son tan valoradas como a seguridade, entendendo por seguridade un conxunto de condicionantes da vida individual e colectiva que nos fai sentir a salvo, saber con certeza o terreo que pisamos e non temerlle máis que ao inevitable despois de ter aínda remedios ao alcance para prevelo e defenderse del. Sábeno moi ben as compañías aseguradoras que basean na seguridade as súas campañas publicitarias.

Esta necesidade individual por forza ha facerse colectiva por desenvolvermos a vida en relación permanente con outras persoas e institucións. A seguridade cidadá é, polo tanto, un garante da vida civilizada na que un estado democrático lle promete (en teoría) e lle limita (na práctica) á toda a súa cidadanía o cumprimento dos dereitos humanos, sen facer ningún tipo de excepción, como recoñece o artigo 14 da Constitución vixente. Xa se sabe que as Constitucións que fundamentan os estados democráticos son espléndidas na enumeración de dereitos,  que os gobernos teñen a fachenda de se pregoaren os mellores garantes, pero que a realidade non se corresponde co espírito nin coa letra das Cartas Magnas.

Non hai seguridade cidadá  nunha sociedade como está sendo a nosa co traballo negado a case seis millóns de persoas, familias desafiuzadas por non poderen pagar hipotecas que no seu día foron asumidas en razón de teren unha situación laboral que se veu abaixo, recortes en gastos sociais e asistenciais, como educación, sanidade e dependencia, que fan saír á rúa mareas de colores esixindo frear o desmantelamento dos dereitos conquistados dunha maioría mentres algúns se enriquecen.

Por iso sorprende que se estea xestando unha lei que leva ese nome e non vaia destinada a remover toda a inseguridade que se deriva de non saber se hai traballo e pan para mañá,  non poder atender debidamente aos grandes e medianos dependentes, ver a educación pública tambaleándose –sería imposible unir contra a Lei Wert a familias, profesionais, alumnados e partidos políticos se así non fose- e constatar as limitacións impostas á sanidade. Pois non. O que pretende o Goberno é que a xente teña dificultades para expresar a indignación que sente. Que o Consello de Europa teña un ollo posto no desenvolvemento desta norma, é moi de agradecer.   

Publicado en El Correo Gallego (06-12-13)

 

Advertisements