ENTREVISTA CONCEDIDA Á POLIFACÉTICA ARTISTA NIEVES NEIRA ROCA

 

¿Que é o máis fermoso que lle provocou un libro?

Deixarme invisa nos seus contidos e nas súas emocións ata me ver incluída nas súas páxinas. Agora son fundamentalmente lectora de poesía pero levo lido moita narrativa e bastante ensaio e todo foi pousando en min cousas bonitas. O mellor que deixa un libro é que non te podas desprender del e que o compares coas túas experiencias.

 ¿Como se mestura a literatura coa vida?

A fonte da literatura é a vida. Toda creación é unha variación do xa existente tinxida pola subxectividade de quen fabula. Vida e literatura chegan a se mesturar tanto que personaxes literarios sonnos tan reais como os personaxes históricos. Evanxelina da Severa, Ofelia, Don Quixote, Ana Karenina e Madame Bovary son parte da humanidade.

¿Cal foi o libro que máis releu?

Follas novas de Rosalía. Por pracer, por necesidade espiritual, para o traducir, para o comentar. Seino practicamente de memoria e boto man del moitas veces porque ten versos aplicables a case todas a circunstancias da vida. 

¿Que é o que fai que un momento sexa propicio para a lectura?

Unha soedade real ou conseguida que permita integrarse no contido da lectura ata percibir como propias as emocións que verqueu no texto quen o escribiu. 

¿Que libro levarías a unha illa deserta?

Éme moi difícil a elección, pois o meu libro de cabeceira son ducias de libros. Se me esperase o barco agora mesmo e estivese a piques de marchar collería Os outros feirantes, de Álvaro Cunqueiro. É o que mellor me permite reconstruír as experiencias culturais da infancia e sei que con el non estaría soa.

 ¿Cal foi o primeiro libro que espertou en vostede o pracer da lectura?

Sen dúbida ningunha, Gösta Berlings Saga da premio Nobel Selma Lagerlöf, un volume inmenso e descoidado, impreso en papel cativo, falto de ilustracións, cheo de erratas e con letra diminuta. Non tiña ningún atractivo externo pero, cando traspasei o limiar que me poñía a proba, entrei nun mundo que me deixou aleuta e me fixo lectora para sempre.

 ¿Hai lecturas especiais para épocas precisas do ano, como o verán?

Nunca pensei na lectura por estacións. Nesta xeografía que as ten tan marcadas podería existir unha ósmose co ambiente que propiciase ese criterio de elección. Se entendemos o verán como a estación que atolandra, diría que non cómpre ter para el lecturas especiais, que hai que aproveitalo para se empapar da boa literatura. 

¿Que libro aconsellaría  a alguén que atravesa unha crise?

Isto sería meterme nun asunto de psicoloxía ou psiquiatría. Tería que coñecer, cando menos, a crise e súas causas. Non me atrevo a aconsellar neste sentido.

 ¿Pode igualarse a experiencia da lectura coa experiencia da vida?

A lectura é unha das dimensións que debe alcanzar o animal humano, a que lle permite vencer o tempo e o espazo. É unha fonte de experiencias interiorizables que doutro xeito non habería maneira de vivir. En canto ao desenvolvemento pesoal, é mesmo capaz de prevenir experiencias desagradables que se poden dar como vividas. Socialmente, a lectura pode evitar que se repitan as grandes equivocacións da humanidade.

 ¿Cal foi o seu último descubrimento no mundo da literatura?

Ando lendo en profundidade a Juan Gelman, porque teño que participar nunha homenaxe que lle fai a revista de poesía Zurgai. É o máis recente, pero fago descubrimentos permanentes mesmo nas relecturas. Un libro non é o mesmo cando o les con ollos máis experimentados, coa razón máis exercitada e co corazón máis maduro.

Xullo de 2008

 

 

Advertisements