MÚSICOS POLA RÚA

 

Quizabes a aparición dos músicos na rúa foi a compensación da ausencia de paxaros cantores sobre os tellados e o asfalto. Asclepio, no esplendor de Atenas, poñía en Epidauro os afectados polos desequilibrios producidos pola polis en contacto co chío dos paxaros libres para sandalos. Hai unha querencia especial dos músicos da rúa polas zonas históricas das cidades, onde existen, e ora te poñen en contacto co Mozart que recordas, ora cun bolero que che fai tremecer o corazón e te volve a outra época. Por veces traen o exotismo dun instrumento do que non temos referencias e lévannos a mundos descoñecidos. E o son da gaita do país nun lugar estratéxico –en Compostela, o Arco de Palacio- fanche sentir o peso do pasado e a sañardade do que puido ser e non foi o reino de D. García.

Estes músicos, que adoitan ser case libres como os paxaros que substitúen, van ter que pasar nalgúns Concellos unha proba para poder exercer a profesión ambulante. Un tribunal de funcionarios municipais, como se tivesen que dar conta dunha sólida e renacentista formación nas súas correspondentes oposicións ao posto de traballo que, en previsión dun futuro incerto, xa contiñan esixencias musicais no temario, valorarán a idoneidade para tal exercicio á marxe da constatación curricular que incluso algúns puideran ter dun centro educativo. Seica xulgarán tamén a ideoneidade do seu repertorio habitual, tendo en conta os gustos maioritarios do público en cada poboación medíndoos por un cuestionario fiable contrastado na correspondente concellería de cultura, apartado de gustos estético-musicais, para coñecer a predilección maioritaria de letras, aires, tendencias e melodías.

Esas autoridades municipais saben ben que a cultura é básica para o pobo e que deben  tratala con mimo, sobre todo se a tolleron antes con grandes recortes presupostarios endilgados a un escandaloso cargo do IVE, feitos ambos que obrigan a perchar salas de concerto, a suprimir actuacións e a poñer en perigo a supervivencia dos músicos, incluso dos profesionais menos ruantes. Celosas do seu increbantable compromiso coa cultura, se a música se ha de consumir na rúa polo módico custo da vontade de cadaquén, están dispostas a elixir profesionais que interpreten ben un repertorio do gusto duns funcionarios que representan como ninguén a veciñanza.

Publicado en El Correo Gallego (13-12-13)

 

Advertisements