DA NOVA PICARESCA

Se a novela picaresca naceu como crítica ás institucións degragadas da España imperial, hoxe estaríamos en condicións ideais para que xurdise un novo xénero de novela como crítica ás institucións e aos poderes da nosa democracia. O protagonista non sería de baixo rango social, descendente de pais sen honra, marxinais ou delincuentes. Pola contra, pertencería ao mundo máis alto da sociedade contemporánea, tería estudos universitarios e unha dedicación que serviría de causa e tapadeira para poder levar a cabo con impunidade as súas falcatruadas. En falando destes estatus, a súa aspiración non é mellorar de condición social, senón reforzala con diñeiro e luxo acumulado, iso si, polos mesmos procedementos de engano e estafa, e actuando á marxe dos códigos de honra propios dunha sociedade que atesourara prestixio e contemplaban con certa envexa o común dos mortais, que viron ben e ata chegaron a aplaudir esa corrupción picaresca porque “onde ouro se mide, ouro se verte” e sempre acabaría tocando algo.

Como resultado desta nova picaresca acaparadora, implantada na sociedade e non na literatura, que non se conforma con calquera cousa e que vai rozando as institucións que constitúen o poder, reaparece de novo unha pobreza que se agudiza, colléndonos de sorpresa, porque, se non conseguiramos erradicar a miseria, si parecía que levaba camiño de desaparecer nas súas manifestacións máis duras. Creárase un estado de benestar xeralizado que permitía a seguranza da atención sanitaria, da educación da prole e en boa medida da asistencial a persoas dependentes de coidados alleos, na propia casa ou en institucións específicas.

Aquí pareceu que pasaran definitivamente os tempos en que se recollían as borras do café dos establecementos hosteleiros para poder lévalo á boca e se apañaban serrín e virutas das carpinterías para cociñar ou quecer no frío colectivo do altofranquismo. Despois os pobres eran emigrantes buscando pan como tiñan feito os de noso espallados polo mundo. Pero xa outravolta se estende a pobreza entre os nativos como unha mancha de aceite por máis que se pretenda ocultar. Amalzoada sexa a nova picaresca formada por grandes e ilustres ladróns, os compinches a cambio de beneficios, os que os negan, os que os defenden e, dalgún xeito, propician o escándalo de que sigan libres.

Publicado en El Correo Gallego (20-12-13)

Advertisements