VOLVE O TEMPO DE NADAL

Fotografía de Fe Álvarez González

Volve o tempo de Nadal. Cancelada –como toda terra de montaña- preparouse amodiño para recibilo ao son do paso do outono. Caeu a folla das árbores autóctonas volteando as colores no vento, choveu a cachón surtindo as fontes, aumentaron os ríos o seu caudal e encolleron os días, facendo da aparición solar unha delicia… Cancelada estes días ten a paisaxe dunha clásica tarxeta de Nadal tal como o entendemos na latitude de marcado inverno.

O sendeiro de Quintá-río Donsal, que se enmarcan xeograficamente na comarca ancaresa, almacenan toda a beleza simbólica da paz e do recollemento, da fin de cliclo biolóxico anual, da esperanza na nova primavera… O inverno trae os seus encantos arredor do río… Verdexan os mofos, cantan as augas un solo de percusión convulsa tocada en pedra, reaparecen as colores naturais do camiño húmido e sombrizo, móstrase a xeometría crebada das árbores espidas que se espellan no río, reloce a corrente  da auga coa luz que penetra nos sollíos.

Arriba, nas casas aldeanas acenden as cociñas de sempre para escorrentar o frío. Ao seu arredor congregase a familia para falar sen présas mentres se cociña a lume manso o caldo, o noso caldo que chega de tan vello co seu aroma a unto e a verdura. É a vida ancestral, que aquí non se perderon os bos costumes culinarios herdados.

As chamineas deixan saír o fume que se ergue cara o ceo como oracións sinxelas e o camiñante prosegue a súa ruta como se traspasase unha tarxeta navideña. Pero tamén pode subir e acollerse á hospitalidade daquelas xentes preparadas para recibilo. Nalgunha casa da aldea alguén roxará un forno e cocerá un pan. O ulido do pan quente esparexido no aire demostraralle ao camiñante que o tempo non existe. Que o tempo é como o río que, non parando, sempre está no lugar. Non estando quieto, sempre mostra as riquezas que permanecen ao seu arredor.

Porque Cancelada, e moi particularmente a ruta do Donsal, aínda non foi destruída por esa falsa civilización que non respecta a Terra.

Escrito para un documental da asociación “Castiñeiro e Nogueira”, Nadal de 2013.

Advertisements