O NADAL EN CUNQUEIRO E CABANILLAS

 

Como humilde escritora, non atopo nada mellor para recuperar o NADAL GALEGO que traer aquí un caravelo de vimbio acugulado de palabras de noso que, nesta ocasión, non me son propias. Tómoas prestadas de dous grandes poetas, Cunqueiro e Cabanillas.

Álvaro Cunqueiro compuxo este texto para a tarxeta de felicitación (Nadal de 1965) coa que unha firma coruñesa agasallou á súa clientela:

 “Primeiro foi o Anxo que falou a María:

nove meses de sono ata que veu o día.

Pasou tamén a sega, que moito pan había.

Logo veu a vendima e o magosto dourado.

E o viño novo en cuncas na adega foi catadado.

E estando o outo cume de outa neve nevado,

en Belem o noveno mese lle foi contado:

nasceu dom Xesucristo, de todos é loubado”.

 

Ramón Cabanillas desenvolveu neste retablo, coa súa mestría lírica, o espírito do celtismo, que nos queda tan cerca. Eis o resultado desta imaxe dinámica da natureza e do sentir de Galicia:

A OFRENDA DAS FADAS NO PORTAL DE BELÉN  ANTE O RETABLO DE NADAL

             REINA DAS FADAS

            Somos as fadas madriñas

encanto da nosa terra,

que dende o mar astra a serra

andamos a rebulir,

tecendo con fíos de ouro

polos camiños da groria,

os altos feitos da Historia

e os ensoños do porvir.

            Entre as herbiñas dos prados,

nas ágoas limpas das fontes,

sobre os curutos dos montes

e ó longo da beiramar,

nos días de sol ardente,

nas noites craras de lúa

ou cando a tormenta brúa,

érguese o noso cantar.

            A nosa voz tén, a un tempo,

ecos de lendas antigas

e feitizo de cantigas

e fervores de oración,

porque somos para os vellos

saudosa e sagra lembranza,

para os mozos esperanza,

para os nenos ilusión.

            Nós, como os Reises de Oriente,

avistamos unha estrela

e voando detrás dela

pousamos neste Portal,

onde naceu, entre as pallas

da homildade e da probeza,

o rei do Ben e a Beleza,

o Neno-Dios celestial.

            Para redimir o mundo

sendo dos triste consolo

da Santa Virxe no colo

móstrase Noso Señor;

e pasamadas do miragro,

cheas de sagra ledicia

traiemos, coa de Galicia,

a ofrenda do noso amor.

 

            FADA DOS CAMPOS

            Eu son a Fada dos Campos

que ando por agras e leiras

vixiando as sementeiras

baixo as raiolas do sol,

e canto nos milleirales

e brinco nas arboredas,

oíndo as cantigas ledas

do merlo e do verderol.

            Ó meu paso velaíño

énchense os vales de rosas

e frorecen as mimosas

e verdexa o salgueiral:

Eu pinto de ouro as laranxas

e de vermello as cereixas

e escoito, doída, as queixas

que funga o verde pinal.

            Ó entrar no sombrizo souto

hai un rebulir nos niños

e todos os paxariños

revoan redor de min;

o paspallás faime bulra,

o pardal pídeme un chavo,

o carrizo move o rabo

e baila nun pé o pimpín.

            Oferta a Dios feito Home,

traio este feixe de frores

escollidas das mellores

que os xardíns teñen en pé;

e entre as rosas unha pomba

que diga pola brancura

como é de limpa e de pura

a nosa sinxela fe.

 

            FADA DAS ÁGOAS

            Eu son a Fada das Ágoas

que nos remansos se espella,

brillo no arco da vella

e a fonte fago cantar.

Eu boto a andar barulleiro

o rodicio do muíño

e bico as veigas de liño,

sempre a correr astra o mar.

            Eu son a ágoa dos ceos,

eu dou a paz e o contento

ó que atravesa sedento

os camiños do dolor.

Eu son frescura e limpeza,

remedio contra o feitizo,

feita santa no bautizo

por mandato de El Señor.

            Relocen como diamantes

as miñas pingas de orballo,

nas folliñas do carballo

e nos lirios do xardín;

e son toda craridade

e levo en min a saúde

e estou chea de virtude

contra todo mal ruín.

            Eu che traio, Rei-Meniño,

a limpa ágoa galega

que homilde cantando rega

os eidos do noso chan,

e adorándote che pido

que calmes nosos pesares

e que nos nosos fogares

enchas os fornos de pan.

 

            FADA DA MONTAÑA

            Eu son a Fada que vive

na largura montesía,

tendo ós meus pés a campía

e o ceo como dosel;

e coido as frores do toxo

e os carrascos recendentes

onde as abellas firentes

veñen a chuchar o mel.

            Érgome ó romper o día

e rezo ó pé dos cruceiros

e sei falar cos luceiros

no dozura do serán,

e vixío as ovelliñas

que pastan polas valgadas

sin medo a ser axexadas

dos dentes do lobicán.

            Eu poño no bo camiño

os que no oscuro da noite

sen que ninguén os escoite

non saben por onde ir,

e eu acocho entre os penedos

os que na choiva e no vento

chegan tristes, sin alento,

nun atolado fuxir.

            Santo Rei, a miña oferta

é este añiño ventureiro

ó que un lobo carniceiro

quixo no monte roubar,

e prégoche teu amparo

ós que coa alma ferida

van a escuras pola vida,

sin acougo nin fogar.

 

            FADA DO MAR

            Eu son a Fada que vive

nas encantadas ribeiras

onde as ondas pracenteiras

veñen a bicar os cons;

e nas dornas bailadoras,

mar adiante, terra ó lexos,

ouín latexar os rexos

mariñeiros corazóns.

            Eu sei dos peixes que brincan

por riba da ágoa tranquía

cando a fire, ó mediodía,

roxa ardentía de sol;

e sei do bogar na calma

das noites de vran sereas

cando xoga nas areas

o vento tépedo e mol.

            Rei dos Ceos e da Terra,

nos dourados areales

collín cunchas e corales

do mellor que neles hai;

un rosario fixen deles

e ofrecelo veño agora

ós pés de Nosa Señora

que é Nai túa e nosa Nai.

            Señor, cando o mar se erga

entre o fervor das escumas

e nas neboentas brumas

oubee o leste traidor,

Señor, acalma a tormenta

e ós que loitan mar afora

dalles unha boa hora,

trainos a porto, Señor!

 

            ÁNXEL

            ¡Señor, que baixo o teu manto,

nenos e mozos e vellos

sigamos os teus consellos,

camiño da eterna Luz!

¡Señor, que túa man divina

aparte de nós a Guerra

e asente a Paz sobre a Terra,

á sombra sagra da Cruz!

 

 ¡Manaia quen aproveite estas festas de Nadal para se achegar á arte e á ricaz cultura herdada do noso pobo!

 

Advertisements