AS MAZÁS NO NADAL

 

En tempos pasados, mais recentes, a nosa paisanía rural producía dous alimentos para consumir na cea da Noiteboa: o repolo e as mazás. O repolo desta época, mercado nas feiras para o poñer no seu debido tempo, era un elemento constitutivo de todo horto que se preciase e, con algo de ventura económica en bo ano, a noite do 24 de decembro serviríase na mesa dos pobres –que eran a gran maioría- amañado con patacas e algo de bacallau.

O segundo elemento que non faltaría nestas mesas humildes como sobremesa especial desa noite eran as mazás, para o que se procuraba ter algún pomar, maciñeira, mazanceira ou maceira –canto bonito nome para unha soa árbore!- das chamadas “de tarde” que desen froitos conservables entre as pallas, ao estilo do pesebre de Belén, nos hórreos ou nos caínzos. Estas mazás, dotadas dun sabor especial engadido polo tempo de espera e o venteo, eran tamén obxecto de agasallo, porque non as había conservadas en cámara para ese tempo, e apreciábanse en todas as mesas. Tal galano ía maiormente para as vilas a xeito de agradecemento para persoas coas que se cría estar en débeda por algún favor ou atención recibidos durante o ano ou xa de por vida. Tamén servían para o aguinaldo de afilladas e afillados en sentido real ou no figurado no caso de que avós e avoas recibisen este tratamento, costume aínda vixente en moitos lugares.

A maiores, as mazás tamén servían estes días para un rito antropolóxico de noso, que dalgún xeito evoca o xuízo de Paris ou a tentación edénica de Eva polo seu significado relacionado co moceo. “As mazás das sortes”, que tal era o seu nome, empezaba no adro da igrexa, lugar habitual de xuntarse a veciñanza á saída da misa para tomar decisión comunais. Na xuntanza, dous mozos facían cadansúa lista de solteiras e solteiros da parroquia en igual número para que finalmente puideran resultar emparellados. Poñían despois cada nome nun papeliño, dobrábanos e metíanos en senllas bolsas, e finalmente, ían sacando nomes e emparellándoos de xeito que a moza que saíse quedaba obrigada a entregarlle unhas mazás ao mozo correspondente, que debería ir buscalas á súa casa. E así se cumpría. As rapazas gozaban dun permiso especial para permitirlle o paso á cociña da casa e ser alí recibido polos seus. Cando o rapaz volvía coas mazás, podían quedar xa abertas as portas dunha relación amorosa.

Publicado en El Correo Gallego (27-12-13)

Advertisements

4 opinións sobre “AS MAZÁS NO NADAL

  1. A tradición de emparellar conlevaba no ribeiro que non concordaran o numero de mozos e mozas e tamén metían viúvos. Según meu pai en paz descanse esas listas líanse ao saír da misa e os mozos avisaban as mozas deles cando o emparellamento era, grotesco para que no pasasen vergoña das risas da xente, e había màis: cando eran impares algunha mozas quedaban para a sal cuns comentarios de escarnio.

    Gústame

    • A xente era despiadada. Tamén no das mazás disfrutábase moito cando emparellaban unha moza xa madura cun rapacillo. Iso pasoulle ao meu home e dime que non sabe cal pasou máis vergoña dos dous.

      Gústame

  2. Tamén quedaban para sal mozos; que repasando o artigo decateime que só puxen mozas. Un dos que contaba meu pai para unha moza, en castelán di así. “Aurora por ser una moza muy locuaz la condenamos a los montes de Bouzoás” . Estes montes estaban no límite da parroquia nunha zona de dificultoso aceso, e moi agrestes.

    Gústame

Os comentarios están pechados.