HOTEIS DE COMPOSTELA

 

Na XII edición dos premios Travellers´ Choice Hoteles, organizados por TripAdvisor e outorgados polos  usuarios de hoteis de todo o mundo, foron galardoados tres hoteis de Compostela. Como coñecedora deles, creo moi ben dados os galardóns, sen desmerecer a ningún da capital de Galicia. 

O Hotel Costa Vella, categoría  Mellor Relación Calidade/Prezo, na esquina da Porta da Pena e a Costa Vella, ten o encanto do seu café-terraza, onde se pode almorzar torradas de molete con aceite de oliva, ou algo clásico, consultar a prensa e seguir cunha xuntanza de traballo. A galería é un espazo privilexiado para contemplar as torres de San Francisco e os solpores do Pedroso. O xardín-terraza, que conta con portal de entrada independente, foi unha vella horta da que se conservan as árbores froiteiras –maciñeira e limoeiro- e unha parra bordeando o centenario e ben elevado muro de pedra. Con surtidor central e cultivo esmerado de plantas florais, acolle exposicións de escultura que completan a beleza deste espazo ao aire libre moi solicitado no bo tempo. O trato, é exquisito.

Da Casa Grande do Bachao, categoría Mellor Relación Calidade/Prezo e na de Romántico, podemos dicir que o disfrute empeza na viaxe. Situado na parroquia de Fecha, solitario na aba do monte sobre o río Tambre, hai que cruzar un bosque por unha pista con bo firme e espazos de espera que facilitan a dobre circulación. Cando aparece, préndanos aquela edificación que conserva os hórreos e unha porta simbólica en parede exenta cara ao solpor. Nesta marabillosa costaneira, para o reloxo inventado e funciona só o sol. É colaborador do Premio de novela Biblos-Pazos de Galicia. Baixo dun seu emparrado interior celébrase a entrega e no hotel morará o escritor ou escritora novel que acabará alí o proxecto galardoado. A cociña é excelente.

O Hotel Spa Relais & Chateaux A Quinta da Auga, categoría Mellor Hotel, instalado na antiga fábrica de papel de Brandía á beira do Sar, ten a auga como protagonista e un moi coidado contorno. O oficio e a sensibilidade cultivada da arquitecta propietaria, Luisa García Gil, nótase desde a adaptación do gran edificio ata a decoración na que destaco o interior dos ascensores con fotografías históricas sobre o papel como exemplo de detalles que fan un hotel singular. Tamén debo de destacar nel a calidade da mesa.  

Publicado en El Correo Gallego (31-01-14)

 

 

A LITERATURA E OS ANCARES

 

populares Dorothy Schubert e Antón Santamarina (O cancioneiro popular galego).

Os outros feirantes (

En vías de extinción

A lenda de Gösta Berling, da Nobel norueguesa Selma Lagerlöf. Os personaxes da terra escandinava e súa paisaxe, os bosques de Vërmland, eran unha réplica da miña serra e dígoo tristemente en pasado porque o privilexiado espazo do noso oriente está sufrindo unha enorme transformación, que, polo que parece, vai cara a ningures.

Foi con esa lectura de xuventude coa que aprendín a localizar o meu mundo cotián nun marabilloso espazo literario universal.

PALABRA ESTRAÑA

Entre os vocablos que a poeta usa para fabricar soños

non aparece GUERRA

pero a poeta ten que procuralo

no inferno das entrañas da humanidade

para escribir o diálogo de balas e misís,

de infamias e mentiras,

de manipulacións e de ignominia.

Coa pluma triste abáixase

a buscar na esterqueira dos negocios,

na bosta armamentísitica,

no fedor  do cadáver insepulto,

na destrución colateral da técnica,

na podremia das leis e dos dereitos.

¡Cómo estraña a poeta

a mirada inocente da súa infancia

cando a pousaba na grafía inerte

practicando nas regras ortográficas!

Daquela non sabía que o que menos importa

é que ese xogo cruento levase un u sen diérese

para estar ben escrito.

Mais, cando os ollos perden a inocencia,

descóbrese a verdade:

que morrer e matar é lotería

á que xoga un planeta apodrecido

sen moral nin conciencia nos seus amos.

 


 

NA ERA REPTILIANA

 

Hai humanos que deron tres saltos cara atrás na evolución

e pasaron de hienas a corvos de calaza,

de aí, a dinosaurios.

Volven estar na era reptiliana. Sonos

dos máis devastadores e temibles

capaces de viviren canda nós

en esfera opresora

invisible só a aqueles inocentes

a quen ás veces guían á corte das ovellas

para despois muxilas e rapalas.

Comen en porcelana de Limoges

e cubertos de prata

con toda urbanidade e cortesía,

mais o seu atavismo

empuxa as súas queixadas para estalicar ósos

anque só coman polpas que producen

colesterol do caro.

Despois, ás agachadas dos inxenuos,

gregarios,

caníbales,

bulímicos,

engulen o papel amoedado

cal vaca que se asoma á cambeleira.

Cando volven saír á sociedade

esquían, van a vela,

cazan cervos como homes primitivos

e volven agocharse á mansión exclusiva

ben rodeada de seguridade.

E voltos ao atavismo,

adoitan remoer o que comeron

con números bancarios, gastrolitos de luxo para eles

que son o fruto da suor allea,

a dor dos pobres e a desesperanza.

VIOLENCIAS

 


En España, mentres os ricos son cada vez máis ricos, os pobres son cada vez máis pobres e a tendencia é aumentar a fenda. Nesta escalada europea da desigualdade, só vai por diante Letonia. Tal trafego logrou que a corrupción se perciba, xunto co paro, como a gran preocupación da sociedade empobrecida.

Durante unha pequena estancia en San Petersburgo, ante os edificios do Museo Hermitage á beira do Neva, tiven a percepción de que o luxo desmedido de zares e zarina fora unha forte violencia sobre o pobo ruso. Hoxe, cando as novas circulan a gran velocidade e as redes sociais democratizaron a información, adoita falarse da violencia das protestas sociais motivadas por abusos dun poder que considera que a democracia só se exerce nas urnas das que se cre saír con carta branca se hai maioría que a respalde. Os pequenos altercados que poden producirse nunha destas protestas, aínda acarreando gastos anexos, non é nada comparado coa limpa sinatura nun despacho de luxo que autorice a corrupción ou decida que será das nosas vidas. As tales sinaturas levantan millóns das arcas públicas para o arriquecemento privado. Esa  é a gran violencia da mala gobernanza que acarrea recortes sociais e perdas de dereitos, e que conduce ao empobrecemento imparable que demostran estudos como o que acaba de facer público Intermón-Oxfam.

Segundo esta ONG, a elite económica ten secuestrado o poder político. Referíndose a España, denuncia que as 20 persoas máis ricas igualan en ingresos ao 20% das pobres. Que por iso hai que acabar cos dous estremos para solucionar o gravísimo problema dos desposuídos que ten a orixe en que non se fixo recaer o esforzo económico para encarar a crise en quen ten máis recursos. Culminan tal situación a impunidade coa que foron tratados os responsables da desfeita financeira e a falta dunha actuación clara e contundente contra a corrupción evidente que inocula tensión insoportable á sociedade.

O director xeral de Oxfam, José María Vera, baseándose nunha enquisa feita a un milleiro de españois, dos que o 80% opina que España as leis están feitas para os ricos (en Europa pensa o mesmo o 70%), manifesta que as elites económicas están secuestrando o poder político para manipular as regras de xogo económico. Non resulta difícil comprender que esta sociedade indefensa está a padecer unha forte violencia.

Publicado en El Correo Gallego (24-01-14)

LUGAR DO EXILIO

 

Veste na rúa e miras arredor:

é o lugar do exilio.


As beirarrúas polas que paseaches os teus nenos

é o lugar do exilio.

 

O banco que venceu o teu cansazo nunha tarde ao sol

é o lugar do exilio.

 

Os rótulos que tanto alimentaron os teus soños

é o lugar do exilio.

 

Como a cobra,

deixaches arrastrándote a camisa da casa

-ou mellor arrancároncha-             

e saíches espida. Tras de ti

catro caixas de cousas sen destino.

 

Non tes billete para ir a ningures:

só es unha exiliada

que tampouco non ten de que fuxir.

 

Nunca pensamos que o lugar do exilio

acaba sendo a rúa transitada,

que tamén pode erguerse en rebeldía.

CUESTIONARIO PARA A RADIO GALEGA (04-08-09)

 

1.     Un lugar para pasear

Dos que podo acceder doadamente, a Serra dos Ancares, as praias de Lugo e as Illas do Parque Atlántico. Do que queda lonxe, as beiras do lago Bled en Eslovenia ou algún fiordo noruegués.

 2.     Un motivo para facer o que fai

Hoxe estou moi ocupada coa Fundación Rosalía de Castro, que case esgota o meu tempo. A razón pola que fago este esforzo é pagar con algo da miña xenerosidade a de tantos traballadores da cultura que, incluso de forma anónima, me axudaron a ser o que son.

 3.     A que lle gustaría dedicarse de non facer o que fai?

A intérprete musical coa voz ou co piano, a compoñer música ou a dirixir unha orquestra sinfónica ou un gran coro.

 4.     Que episodio ou acontecemento da historia da cultura lle resulta máis suxerente?

É moi difícil elixir un acontecemento isolado. Por empatía co meu xénero e polo que supuxo para a nosa dignidade, e da do mundo, voume quedar coa conquista do voto feminino.

 5.     Que parte da historia da cultura galega reescribiría? Como a reescribiría?

Os nosos séculos escuros. Reescribiríaa facendo que se conservase a lingua coa normalidade que non tivo e que lle custará acadar, e que continuase, en momentos tan importantes para a cultura como o Renacemento e o Barroco, aquela produción poética medieval que sorprendera a Europa.

 6.     Con que personaxe de ficción simpatiza?

Co Principiño de Saint Exupéry pola súa fidelidade ao amor ausente e pola súa sabedoría inxenua.

 7.     Que protagonista ou feito histórico cre que está esquecido e debería recuperarse?

Xa non está tan esquecido, pero si querería que se recuperase de verdade o que demos en chamar “Memoria histórica”, ese personaxe coral que constitúen os milleiros de mortos desaparecidos para que aflorasen os seus nomes e as familias puidesen enterralos.

 8.     Fai turismo cultural?

Si. Sempre que podo. Sigo a máxima dos nosos devanceiros: “Pra saber, ou ver ou ler”. Pero non fago turismo con guías. Déixome levar pola intuición e polas emocións. Non me interesan os datos senón as miñas percecións. E interésame moito visitar restos arqueolóxicos.

 9.     Queremos pensar. Que obra (literaria, de investigación, musical, artística…) nos aconsellaría? Por que?

Volvo aos clásicos, que son fonte permanente de pracer intelectual. Para ler, “Follas novas”, de Rosalía, pola audacia temática e formal, pola profundidade enigmática, pola solidariedade que destila e pola actualidade que fai que se conserve un libro fresco. E para escoitar, o “Requiem” de Mozart, que me parece o cume da beleza sonora que, a través da emoción, descobre o misterio da vida e da morte.

 10.Que lle gustaría conmemorar tal día coma hoxe do ano 2019?

O triunfo da tolerancia e o final de todas as violencias: contra as mulleres, contra a infancia, contra os pobres, contra as linguas, contra os pobos, contra o estranxeiro e contra calquera diferencia.

A COCIÑA

 

A nena non recorda a cociña da primeira casa, pero as da segunda, que ía ser a casa da súa vida, si. Ata que ela tivo oito anos estaba apartada da vivenda aínda que formando parte de toda a edificación. Era terreña con ecociña económica de ferro e depósito de auga. Con aquela auga, bañábaos a mamá.  

Na parte de atrás, había un cortelliño para coellos. Cando as crías saían do cochiño que lles facía a coella, a mamá deixábaas andar pola cociña para que as mirasen sen collelas, que as podían apretar demais querendo acariñalas. Subindo por unha escada e alzando unha trampiña, chegábase ao faiado de gardar leña e carbón. Ulía a ratos. A nena non sabía como ulían os ratos pero estaba segura de que alí ulía a ratos e non a outra cousa. Aínda así, gustáballe subir, pero case nunca lle deixaban porque podía mancarse contra calquera cousa ou caer e facerse moito mal.

Ao lado esquerdo da entrada, estaba a corte dos cochos, na que se podía entrar pola cociña ou por fóra. A porta do interior tiña postigo e a nena, ao primeiro, podía ver os porcos se a collían no colo. Gustáballe mirar como comían no maseiro e mamaban cando eran pequeniños. Na parte de arriba desta corte estaba o poleiro e o niño das galiñas. Saían por unha fiestra enreixada para pasar o día nun galiñeiro de tela metálica e volvían entrar, se querían poñer ou pola noitiña para se deitaren.

A nena tiña unha cadeira baixiña co cú de palla para sentarse a mirar como traballaba a mamá mentres atendía ao neno no barrelo arrolándoo co pé. Estando naquel asento, a mamá ensinoulle cal era a súa man dereita e foi xa de ben grandiña cando conseguíu saber cal era sen lembrar como estaba sentada mirando para a porta.

Naquela cociña a nena descubriu os arrecendos das comidas que lle gustarían para sempre: os cimos con lacón, as luras na súa tinta, as androllas –tripas de porco escaldadas para asar despois na prancha da cociña-, a espiñola do día da matanza, os botelos e as troitas en escabeche…

Con aquela cociña soña moitas veces. Sobe pola escada cara o cheiro dos ratos e non cabe ben pola trampiña na queda entalada ata que a van sacar.

A cociña nova estaba xa integrada no baixo da vivenda, tiña chan de baldosa, unhas escaleiras para subir á xastrería e un banco para sentarse tras da prancha, onde quecían os pés. O que máis recorda da infancia nela é a radio. Alí escoitaba música coa mamá e as noticias da Pirinaica co papá. A música daquela época, que segue sendo preciosa, está no fondo da banda sonora da súa vida: Harry Lime, da película “O terceiro home”, que poñían con dedicatorias en Radio Andorra.

 

 

PALLOZAS EN PERIGO

 

A riqueza etnográfica e medioambiental do oriente ancarés lucense é inmensa. Apartado dos medios de comunicación, tanto que avergoñaba, foi quen de conservar espazos simbólicos de gran valor: ecosistemas privilexiados e paisaxes fermosísimas con arquitectura popular herdada de moitos séculos. Do mesmo xeito, foi garante da lingua que nomeaba ese microuniverso, captando o interese de investigadores alemáns que, desde mediados do século XIX  a finais da primeira metade do XX, estudaron o vocabulario de cousas e costumes sabedores de que se perdería con elas.

Xunto coas ouriceiras dos soutos, a súa construción estrela é a palloza, chamada así por deformación de «pallaza», a palabra recollida polo etnógrafo alemán Firtz Krüguer a finais do século XIX. O nome venlle da palla de centeo da cuberta –colmo-, o cereal que producía o monte de toda a zona e se deixou de sementar pola dureza do traballo e a caída demográfica que levou os brazos rexos que requiren as aixadas. A comarca de orografía esgrevia con restos de xeoloxía glaciar a uns 13000 m. de altitude non ten doado vivir da agricultura nin da gandería, os seus antigos motores económicos. Non é posible a mecanización, o clima é duro e os habitantes optaron pola emigración, maioritariamente a Cataluña, para resolver a súa vida en condicións de mellor habitabilidade.

As pallozas, de forma redonda, son de orixe prerromana –castrexas-, e nelas vivía a familia co seu gando. Estiveron habitadas ata os anos sesenta do século XX e Os Ancares é, polo de agora, o seu lugar de conservación maioritario. En Piornedo de Donís, un dos lugares máis fermosos do alto Cervantes, que ten unha musealizada, quéixanse do seu estado e da dificultade económica de conservalas tras o paso das invernías se non reciben a axuda económica que lles permita facelo coa esixencia que lles impón Patrimonio. Reteitar é moi caro porque a palla debe ser de boa calidade e a súa colocación esixe habelencias artesás que están a piques de desaparecer.

Como a saída económica que lles queda aos Ancares para seguir minimamente habitado é o turismo ecolóxico que valora estas riquezas tan próximas e tan afastadas de nós no espazo e no tempo, a conservación destas pallozas esixe unha protección oficial efectiva, non só de letra no DOG. A alternativa é a desfeita e mañá xa será tarde de máis.

 

Publicado en El Correo Gallego (17-01-14)